Endesa nega a viabilidade das probas con lodos e presenta o plan de peche

As mesturas de biocombustibles e carbón que Endesa estivo probando no súa central térmica das Pontes non permiten prolongar a vida da instalación debido a un cúmulo de razóns, especialmente de carácter ambiental, segundo indicou a compañía, que asegura que mantén o proceso de peche iniciado en decembro de 2019 e activa o seu Plan Futur-e para a procura de proxectos empresariais que se implantarán na localidade. Os membros da Comisión de Seguimento que supervisaron este proceso coñeceron hoxe o informe final.

A empresa explicou que a modificación das condicións do sector (incremento substancial no prezo dos dereitos de CO2 e caída significativa do prezo do gas) levou a que a central térmica de carbón importado das Pontes perdese competitividade e quedara excluída do mercado desde abril de 2019, razóns que alegou o 27 de decembro de 2019 para solicitar formamente o peche, tras un tras un longo período de parada.

Aseguran dende a central térmica, que “malia isto, Endesa veu analizando alternativas de funcionamento da central mediante o emprego de lodos e biomasa combinados con carbón en distintas proporcións que deron resultados negativos. A última opción experimentada foi unha mestura en masa ao 50 % de carbón (en dous variantes una ao 50 % Adaro, e outra ao 25 % Adaro e 25 % de Kazako) e de lodos de depuradora”. Indican que estas probas realizáronse baixo a supervisión do Ministerio de Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia e o Concello das Pontes. “Os ensaios non resultaron satisfactorios, tanto desde un punto de vista ambiental e técnico, como económico, o que confirma o proceso de peche e dá paso ao lanzamento do Plan Futur-e. O informe final foi coñecido hoxe pola Comisión de Seguimento, que integran as entidades citadas”, conclúen.

As probas poñen de manifesto, segundo o informe do Comité Técnico de Endesa encargado do seguimento destes ensaios, graves inconvenientes de carácter ambiental. A combustión da mestura de carbón e lodos causa a emisión de mercurio en valores próximos ao límite legal permitido. Outra dificultade insalvable radica no elevado incremento da xeración de cinzas, que crecen entre un 187 % e un 276 %, o que supón producir unha tonelada de cinzas por cada tres ou catro toneladas de CO2 evitadas. Iso significa que, só coa operación de dúas dos catro grupos da central durante 3.000 horas, acumularíanse cada ano entre 76.000 e 106.000 toneladas dun subproducto que non sería admitido nas entulleiras de residuos non perigosos, por superar os valores límite de selenio, sulfatos e carbono orgánico disolto, cun elevado incremento de metais e metaloides xerados na combustión.

Afirman que desde o punto de vista técnico, verificouse a perda de potencia de cada grupo, que dos 350 megawatts (MW) actuais baixaría a 245/260 MW, con bruscas e repentinas oscilacións de carga de ata 35 MW, o que impide á central operar nos mercados secundarios. Tamén se comprobou que o combustible causará a corrosión dos tubos da caldeira, e iso incrementa o custo de mantemento da instalación. Ademais, a mestura probada degrádase durante o tempo que permanece almacenada, ocasionando unha onerosa perda operativa e económica.

As razóns de carácter económico tampouco avalan a continuidade da central térmica mesturando carbón con lodos de depuradora, porque o MWh xerado deste xeito custaría ao redor de 65 euros (similar para ambas as variantes de mix de carbón), co que resultaría 15 euros (un 30 %) máis caro que o producido nunha central de ciclo combinado de gas natural. “Con este custo de operación, a térmica é inviable ao quedar fose do mercado eléctrico, no que se prevé para 2021 un prezo de 47,3 euros por MWh. A adaptación da instalación á nova situación requiriría así mesmo un elevado investimento e uns altos custos fixos, co que a destrución de caixa estimada ascendería a 625 millóns de euros en dez anos de actividade da central”, explican.

Sen o aval de Foster Wheeler

A empresa asegura contar co aval de Foster Wheeler, tecnólogo que ao longo da súa historia que montou máis de 1.600 equipos de xeración de vapor, con potencia que suma 96 GW. Din que considera onerosa e incerta a idoneidade da central térmica das Pontes para consumir unha mestura de carbón e lodos. Resolver as dificultades técnicas que sinalan nun estudo elaborado a pedimento de Endesa esixiría, ademais dun gran desembolso económico, dispoñer de moito tempo para probas e estudos.

Indica Foster Wheeler que a central térmica das Pontes necesitaría dispoñer dun parque de homoxeneización do combustible. Advirte tamén que a planta sufriría unha “evidente redución de potencia” e que a presenza de metais alcalinos e cloro causaría na caldeira “ escoriación, ensuciamiento e corrosión”, propiciando uns “niveis de degradación que non son aceptables” segundo os estándares de deseño da empresa. Para evitar este problema precisaríase recubrir os tubos da caldeira cun produto chamado Inconel, cuxo custo é moi elevado e a súa aplicación sumamente complexa nunha instalación xa montada, non nun taller.

En definitiva, Foster Wheeler advirte que o consumo continuo da mestura de carbón e lodos de depuradora “requiriría unha transformación da caldeira que debería ser definida sobre a base de estudos e análises, incluíndo campañas de proba especificamente deseñadas para cada un dos sistemas de moenda, combustión e performance de caldeira”.

Alternativas para os traballadores e o futuro económico da zona

En previsión dun resultado adverso das probas, Endesa adiantou que xa avanzara no deseño do Plan Futur-e das Pontes, un proxecto de actuacións para atenuar o impacto da diminución de actividade da central, destinado a promover o desenvolvemento de actividades económicas e xeración de emprego na zona. A compañía subliñou que esta proposta áchase aberta a incluír de maneira flexible novas iniciativas viables que poidan propoñerse en diante para conseguir o desenvolvemento da contorna da central, sumando os seus esforzos ás iniciativas e ao liderado das Administracións Públicas.

Endesa afirma tamén que ten un acordo coa representación dos traballadores polo cal garante que ningún empregado será despedido. De feito, parte dese persoal xa se acolleu a un proceso voluntario de prexubilacións ou participa nun concurso de recolocacións, de modo que o persoal actual alcanza as 81 persoas. Outros empregados implicaranse no desmantelamento da instalación, unha tarefa que se prolongará durante catro anos e requirirá tamén do apoio de ao redor de 130 traballadores de empresas contratistas, que a tal fin participarán en cursos de capacitación profesional organizados por Endesa.

O Plan Futur-e das Pontes contempla a procura de alternativas empresariais á instalación que se pecha. Mediante un concurso internacional de ideas, trátase de promover que empresas, institucións e outros axentes públicos e privados poidan presentar alternativas viables, a través dun proceso participativo, transparente e aberto, para buscar proxectos de investimento e creación de emprego sostibles no emprazamento da central. É o mesmo modelo que se está seguindo para xerar oportunidades empresariais noutras centrais térmicas de Endesa en proceso de peche como Compostilla (o Bierzo) ou Carboeiras (Almería).

A este programa de revitalización económica, que se desenvolverá con alta implicación dos axentes autonómicos e municipais, calquera interesado poderá presentar unha iniciativa empresarial de aproveitamento da superficie e instalacións da central. A avaliación dos proxectos será responsabilidade dun comité independente que incluirá así mesmo unha relevante representación rexional e local, así como do mundo universitario.

O Plan Futur-e inclúe tamén elevados investimentos en novos proxectos de enerxías renovables. Concretamente, Endesa proponse desenvolver ata 1.505 MW de nova capacidade eólica en Galicia entre 2021 e 2026, cun investimento estimado de 1.581 millóns de euros e unha xeración de máis de 1.250 empregos directos de media anual durante os 6 anos da fase de construción e 125 para a de operación e mantemento durante os seguintes 25 anos. Desta capacidade, xa está confirmada a conexión de 1.493 MW.

Etiquetas