Feijóo anuncia ao alcalde unha partida orzamentaria para o centro de día de Outeiro de Rei

Feijóo anuncia ao alcalde unha partida orzamentaria para o centro de día de Outeiro de ReiO presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avaliou hoxe co alcalde de Outeiro de Rei os avances nos proxectos prioritarios para o Concello, entre os que destacan a construción dun novo centro de día, que contará con 60 prazas públicas; as melloras no Ceip Laverde Ruiz; e o desenvolvemento dunha zona deportiva.

No tocante á construción do novo centro de día, que contará con 60 prazas públicas, Feijóo confirmou os orzamentos neste 2021 para levar a cabo a primeira fase das obras.

Ao longo da xuntanza, o titular da Xunta confirmou que o Ceip Laverde Ruiz xa ten consignados 20.000 euros para o funcionamento da pista cuberta que solicitara o municipio. E, en relación ao proxecto para a construción dunha nova zona deportiva, formada por unha complexo de piscinas, un centro BTT e diversos espazos de lecer, Feijóo confirmou ao alcalde que a Xunta achegará o 70% do investimento, coa previsión de que estea finalizado antes de 2023.

Cómpre salientar que este proxecto levarase a cabo nunha parcela de titularidade municipal situada moi preto da área recreativa de Santa Isabel, ao carón do río Miño, na desembocadura co río Ladra. E sumarase á senda que se está a desenvolver na LU-115, preto do polígono de A Matela, coa previsión de que estea finalizada en febreiro deste ano.

CONCENTRACIÓN PARCELARIA

Por outra banda, e en materia de concentración parcelaria, Feijóo salientou que en xullo de 2020 xa foi asinado o convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e Outeiro de Rei para o financiamento da rede de camiños principais e secundarios das zonas de reestruturación que afecten ás catro parroquias que a solicitaron: Sobrada de Aguiar, San Fiz de Paz, Arcos e San Lourenzo de Aguiar e nos próximos días se iniciará o proceso de concentración.

Ademais da mellora do sistema de abastecemento do municipio, o presidente do Goberno galego confirmou que, nas vindeiras semanas, a Xunta presentará ao Concello o estudo de alternativas para a mellora ou cambio de ubicación da Edar.

Por último, en relación coa pandemia, o responsable do Goberno galego destacou a colaboración entre ambas administracións, coa entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica. Así mesmo, precisou que, ata o momento, 8 empresas do concello recibiron xa apoios para reactivar a súa actividade, así como axudas no eido da dixitalización.

Etiquetas