Veleiro solicita a Feijóo varias obras necesarias para Vilalba

Veleiro solicita a Feijóo varias obras necesarias para VilalbaA alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o primeiro tenente de alcalde do concello, Rodrígo Pavón, mantiveron unha reunión de traballo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que lle trasladaron as prioridades municipais naqueles temas nos que é necesaria a intervención da goberno autonómico.

“Pedimos a reunión desde o concello e hoxe celebrouse nun ambiente de cordialidade, é importante afianzar a relación institucional entre administracións e o presidente da Xunta mostrou receptividade ás nosas demandas, polo que esperemos que cheguen pronto os resultados”, asegura a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro.

Para o Concello de Vilalba é prioritaria a construción dun centro de día, unha competencia autonómica, para evitar que as veciñas e veciños teñan que desplazarse a concellos limítrofes.

A intención do concello é utilizar parte dos terreos da estación de autobuses para o centro de día, como xa lle manifestara a alcaldesa de Vilalba o pasado mes de outubro ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias.

En materia de vivenda, Feijóo salientou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo é propietario de 3 edificacións para rehabilitar, nas rúas Concepción Arenal, Ferrería e Porta da Cima. Unha vez que se obteña a autorización de Patrimonio, confirmou que a Xunta encargará a redacción dos proxectos dos dous inmobles de vivendas e a demolición dos restantes.

ESCOLA INFANTIL

Na reunión, Veleiro e Pavón demandaron tamén “axilidade” para a sinatura do convenio necesario para a xestión municipal do comedor da escola infantil. “É unha competencia autonómica pero decidimos asumila porque os pais e nais necesitan o servizo, polo que só falta activar o convenio coa Xunta”, explica a alcaldesa.

Sobre isto, Feijóo anunciou que a mediados de febreiro asinarase o convenio, por un importe de máis de 31.000 euros, incluíndo os meses deste curso e do curso que vén, que sufragará a Xunta.

Por último, pedíronlle a Núñez Feijóo a reforma dos dous quilómetros da estrada LU-119, a entrada ao núcleo urbano desde Lugo, que presenta unha capa de rodadura nun estado moi deteriorado, así coma as obras necesarias para oo arranxo das beirarrúas de ambos marxes. Trátase da última vía que queda por arranxar tralo proceso de transferencia de varios viais realizado no ano 2010.

“Quixemos trasladarlle estes temas de vital importancia, o centro de día, a xestión do comedor e a rexeneración do vial e as beirarrúas na rúa Galicia e Cidade de Lugo, sen perder a oportunidade de recordarlle outros asuntos, como a necesidade de incrementar a aportación da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar, a colaboración autonómica na ampliación do polígono industrial Sete Pontes ou as obras necesarias para o reacondicionamento e posta en valor do Mupav”, engade Rodrigo Pavón.

EN MARCHA

No tocante ás infraestruturas, o titular do Executivo autonómico referiuse ao reforzo do firme da AG-64, que está en execución, e recordou que a Administración autonómica está á espera de que o Concello autorice a execución dunha nova parada de autobuses.

En materia económica, Feijóo destacou que Vilalba conta, xunto co Concello de Abadín, cun novo obradoiro de emprego, denominado Terra Cha no Camiño. E, no eido educativo, confirmou as actuacións de mellora previstas no CEIP Mato Vizoso, que se sumarán as recentes actuacións levadas a cabo no IES Basanta Silva e no IES Lois Peña.

En relación coa pandemia, o responsable do Goberno galego destacou a colaboración entre ambas administracións, coa entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica. Así mesmo, precisou que, ata o momento, 27 empresas do concello recibiron xa apoios para reactivar a súa actividade, así como axudas no eido da dixitalización.

Etiquetas