Convocado de novo o concurso de videopoemas de Rosalía e Manuel María

A IVª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María vén de ser convocada pola Casa-Museo Manuel María. O certame dirixido ao alumnado galego de ensino non universitario (desde a ESO até segundo de Bacharelato, ESA e Ciclos Formativos) ten por finalidade a potenciación da creatividade artística a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra de Rosalía e Manuel María.

Os centros educativos que desexen participar teñen até o 26 de marzo de 2021 para se preinscribir e antes do 26 de abril terán que remitir á Casa-Museo os traballos do alumnado participante. A fase final do concurso está prevista o 15 de maio en Outeiro de Rei, onde se exhibirán publicamente os videopoemas finalistas escollidos polo xurado, mais o formato desta xornada poderá ser modificado en función do estado da pandemia nese momento. As bases do certame pódense ver na web da Casa-Museo Manuel María en http://www.casamuseomanuelmaria.gal/actividades/a-casa-museo-manuel-maria-convoca-a-iv-edicion-do-concurso-de-videopoemas-sobre-composicions-poeticas-de-rosalia-e-manuel-maria.htm?tipo=ACTIVIDADE

Este concurso, que vai pola súa IV edición, non se puido levar a cabo o ano pasado xa que as circunstancias socio-sanitarias do momento, en pleno confinamento domiciliario, o atinxiron de tal maneira que se decidiu suspender.

Etiquetas