Os traballadores de Endesa retoman as concentracións contra o peche

O Ministerio de Transición Ecolóxica convocou para este martes, 26 de xaneiro, unha reunión do comité técnico, no que están representados membros da Xunta, do propio Ministerior, así como do Concello das Pontes. O obxectivo será evaluar os resultados presentados por Endesa en los que advirten a inviabilidade da fábrica coa utilización de lodos e biocombustibles.

Dous días despois desta reunión haberá outra da Mesa da Transición Xusta das Pontes.

Mentres, os traballadores e as empresas auxiliares, que recibiron a nova sen sorpresa, anunciaron que continuarán coas mobilizacións. De feito, os traballadores das auxiliares continuarán co seu encerro nas instalacións da térmica e realizarán unha reunión estes días para establecer máis actuacións.

Ademais, traballadores dos dous grupos concentráronse en Santiago, diante da Xunta, mentres os sindicatos se reunían coa directora xeral de Planificación Enerxética. Ademais, mañá teñen previsto concentrarse diante da delegación de Goberno da Coruña.

O Comité de Empresa considera necesario que a Xunta e Transición Ecolóxica digan algo o antes posible, xa que pensan que de non mediar estes organismos comezarán os despidos en Endesa.

FOLGA XERAL

Pola súa banda, os sindicatos CIG, CCOO e UGT acordaron convocar unha xornada de folga xeral nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para o vindeiro xoves 25 de febreiro, á que chaman a secundar a toda a clase traballadora e toda a cidadanía da bisbarra.

“Son os propios acontecementos os que nos levan a esta convocatoria, acontecementos dos que viñamos alertando, e mesmo denunciando, a través de mobilizacións como a cadea humana realizada o pasado 17 de decembro”, explican dende as tres centrais sindicais.

A progresiva desindustrialización e destrución de emprego, o incremento das exclusión e a falta de proxectos de futuro son un feito palpábel: Endesa sen alternativa, Gamesa pechada na práctica, o naval sen carga de traballo, o peche continuo de empresas e negocios etc., “coa conseguinte perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais”.

As comarcas precisan “feitos concretos”

Unha situación que necesita de solucións urxentes, “que existen e que ademais están máis que discutidas e plasmadas en centos de documentos”. Por iso, para as centrais sindicais está nas mans do Goberno galego e do Goberno español poñer en marcha de inmediato esas solucións que dependen da vontade política.

“Esa é a nosa esixencia, non caben máis demoras, non caben máis debates estériles, só cabe actuar, e iso é o que demandamos, carga de traballo para o naval, unha transición ecolóxica xusta sen perda de postos de traballo, proxectos de enerxías renovábeis que leven acompañados proxectos industriais, infraestruturas que nos deben dende hai décadas, inversións que atarían proxectos industriais etc”, aseveran.

Advirten que xa se acabou “o tempo das promesas e das milongas” e o que precisan as comarcas son feitos concretos “e non imos parar até conseguilos”.

“Non estamos dispostos a asumir que as nosas comarcas morran por inanición, non sen pelexalo. É por isto o noso chamamento á Folga Xeral, ferramenta dura pero necesaria, porque nos xogamos existir ou non existir, xogámonos poder compartir a vida cos nosos fillos e fillas e cos veciños e veciñas, ou asumir que teñen que emigrar. Xogámonos un dereito fundamental, poder vivir e traballar dignamente na nosa terra e, como tal dereito, temos que defendelo”.

Etiquetas