A Xunta autoriza a transferencia da rúa Rosalía de Castro ao Concello de Guitiriz
O Consello da Xunta autorizou o decreto polo que se autoriza a transferencia da totalidade da estrada autonómica LU-241, que coincide integramente coa rúa Rosalía de Castro, a prol do Concello de Guitiriz.
Esta estrada, de 210 metros de lonxitude, parte da N-VI e remata na súa intersección coas rúas do Ferrocarril e Xermolos, e discorre na súa totalidade polo solo urbano do municipio lucense.
O Concello manifestou ao departamento de Infraestruturas da Xunta o seu interese por este cambio de titularidade, do cal emitiron informe favorable os servizos competentes da Axencia Galega de Infraestruturas.
A transferencia deste viario autonómico a prol do concello lucense tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que debe ser aprobada mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, como competente en materia de estradas.
Co cambio de titularidade aprobado hoxe polo Executivo autonómico, o Concello de Guitiriz terá a competencia para actuar nesta vía de marcadas características urbanas e cun tráfico rodado de ámbito local, e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
Pola súa parte, a Xunta de Galicia seguirá investindo na rede autonómica de estradas ao seu paso polo municipio de Guitiriz. Son as vías de titularidade autonómica as que vertebran a mobilidade deste municipio e que permiten a súa conexión co exterior.
O cambio de titularidade da estrada LU-241 será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.
A entrega formalizarase mediante a sinatura da acta de entrega, no prazo dos dous meses seguintes á publicación do decreto no DOG.
Etiquetas GuitirizLU-241Rúa Rosalía de CastrotransferenciaXunta