Hostaleiros e Concello crean en Guitiriz o trivial O Fin do Camiño

O Concello de Guitiriz e a Asociación de Hosteleiros de Guitiriz presentan o trivial O Fin do Camiño. Unha alianza co fin de promocionar e difundir entre os veciños e veciñas de Guitiriz o Camiño de Santiago.

Esta actividade, que será a primeira dentro do programa ‘O teu Xacobeo 2021’, nace á par da exposición que o colectivo Egeria levará a Guitiriz, entre o 26 de xaneiro e o 2 de febreiro. Neste certame tratarase o obxectivo que move a unha persoa a percorrer o Camiño, amosando o aspecto espiritual da vía e do camiñante.

A mostra poderase visitar na Casa Habanera, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas. O sábado e domingo tamén estará aberto de 10:00 e 12:00 horas.

Mecanismo do Trivial

Froito da exposición nace o trivial, que terá un mecanismo moi sinxelo. En cada establecemento hosteleiro e na Casa Habanera, a persoa que participe atopará un cartel de difusión da exposición, no cal estará impreso un código QR, que levará ao xogo.

Os participantes que respondan de maneira correcta a todas as preguntas plantexadas entrarán no sorteo dunha comida para dúas persoas e un lote de libros.

O trivial estará dispoñible desde o 27 de xaneiro ao 2 de febreiro e desde a organización lembran a importancia de visitar a exposición para dar coa solución de todas as cuestións que plantexa o xogo.

A persoa gañadora publicarase nas redes sociais do Concello e nas da Asociación hosteleira. Para recoller o seu agasallo deberá personarse na Casa Habanera acompñada do seu documento nacional de identidade (DNI) e farase entrega de dito premio.

Etiquetas