Os socialistas demandarán no Pleno a apertura do centro de saúde de Castro de Rei

Os Socialistas de Castro de Rei avanzaron que rexistraron hoxe unha iniciativa no Concello, coa que reclaman ao Alcalde de Castro de Rei que faga as xestións oportunas diante da Consellería de Sanidade, para que o centro de saúde de Castro de Rei sexa empregado na campaña de vacinación contra o COVID-19 na Comarca.

O Voceiro Socialista de Castro de Rei, José Luis Tellado explica que “dende a Agrupación Socialista de Castro de Rei denunciamos no seu día o peche do centro de saúde de Castro por parte do Goberno de Feijóo, facéndonos eco das denuncias da veciñanza e todos os usuarios e usuarias afectadas por este peche”.

Diante desta situación o “Grupo Municipal Socialista organizou un acto de protesta o pasado 30 de xuño de 2020, acompañados dos veciños afectados, diante do centro médico de Castro de Rei, para amosar a preocupación e inquedanza por este peche. Ademais tamén defendemos unha moción no Concello para esixir a Consellería a apertura inmediata do centro, así como e a incorporación dun médico no centro de saúde da vila de Castro de Rei”.

Así as cousas sinalan que “na provincia de Lugo xa comezou o proceso de vacinación á poboación, por iso entendemos que é unha boa oportunidade de reabrir o centro de saúde de Castro de Rei, e solicitar que se empregue para realizar a campaña para vacinar contra a covid na nosa Comarca”.

Tellado remarca que o “centro de saúde de Castro de Rei conta con toda a estrutura necesaria para poder cumprir as condicións hixiénico sanitarias propias de calquera outro centro médico da provincia. Ademais, con esta reapertura evitariamos desprazamentos innecesarios ás veciñas e veciños, cando dende todas as administracións se esta pedindo á poboación en xeral que nos confinemos nas nosas casas”.

Etiquetas