O Goberno en solitario aproba a proposta de solicitar á Xunta a desafectación do colexio de Baamonde

O Pleno do Concello de Begonte deu para adiante ao proxecto defendido polo alcalde de unificar os dous colexios de Begonte e deixar as instalacións de Baamonde para ubicar un conservatorio de música de ámbito comarcal.

A proposta puxo en pé de guerra á comuidade educativa de Baamonde, que se manifestou en reiteradas ocasións e que incluso recolleu máis de 3.000 firmas contra o proxecto.

Os pais e os comuneiros ofreceron ao alcalde diferentes opcións para poder conservar o colexio como foi a cesión de terreos, alternativas que non foron aceptadas polo mandatario.

Durante o Pleno, a voceira do PSdeG no Concello de Begonte, Susana Ferreiro, votou en contra e lle pediu ao alcalde que retirara ese punto da orde da dia, diante do clamor veciñal que se nega a este peche, ao que rexedor se negou. “Nós votamos en contra porque nada do alega o PP xustifica o peche dun colexio con 30 alumnos no noso concello”, advertiu.

Na súa intervención, na que non tivo turno de replica, puntualizou “que o partido Socialista está a favor do conservatorio, pero non a conta de pechar un colexio, por iso só pedimos que teña en conta a opinión dos país e as 3.150 firmas que rexeitan este peche, e que recolleron nun concello de apenas 3.000 habitantes. Reclamamos que recapacite para poder atopar unha ubicación a este conservatorio de música e conseguir ese proxecto, pero non cun custo tan elevado para a veciñanza”.

Non existe compromiso da Xunta

Ferreiro tamén puxo en dúbida que o Concello de Begonte teña o compromiso da Xunta para abrir este conservatorio, e lembrou que o Grupo Parlamentario Socialista vai preguntar no vindeiro pleno do Parlamento ao Conselleiro de Educación sobre este asunto. “Ademais tamén se descoñece a día de hoxe como sería a xestión dese conservatorio ¿privado ou público?, ou pola contra vai asumir o noso concello todos os gastos de mantenemento do conservatorio e profesorado?”, replicou.

A voceira socialista tamén se solidarizou coas familias afectadas por este peche. “A decisión de pechar un colexio do rural vai traer consecuencias moi graves a esta comarca como por exemplo o despoboamento que vai ser letal, ademais coa unificación vai aumentar o ratio alumno/mestre, e nesta época de pandemia covid non nós parece o momento axeitado para xuntar aulas, senón mais todo o contrario”.

“As alumnas e alumnos de Baamonde, xunto coas súas familias, non están en tempos de experimentos, o rexeitamento social da súa proposta non ten parangón na recente historia do noso Concello. Non só na poboación local, senón tamén a nivel provincial co rexeitamento público da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo e da confederacións de ANPAs de Galicia”, insistiu a voceira.

Por último dixo “o PP fala de números, estudos, enquisas…pero os números non cadran, xa que haberá 26 familias que terán desprazarse fóra do concello para que o seus fillos poidan ir a un centro educativo, abandonados pola desidia do PP”, resumiu Ferreiro.

Ademais, durante a xornada, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, visitou aos pais do colexio de Baamonde para facerlles chegar a súa solidariedade cos actos reivindicativos que están a levar a cabo para evitar o peche do mesmo.

Etiquetas