Reportaxe: Postergel volverá por fascículos

O grupo vilalbés sacará, despois de tres anos, novos temas creados durante o confinamento e farao durante este ano mes a mes

  Por Claudia López

Aló polo verán de 2003 un grupo de amigos de Vilalba comezou a xuntarse para facer unha das cousas que máis lles gustaban, crear, sentir e gozar coa música. José Manuel Fernández coa man no micro e na guitarra, Luís Mato ao baixo, Juan Manuel Rego dono da batería e Jesús Iglesias facendo soar tamén a guitarra, bautizáronse como Postergel. A banda de indie rock comezou así as súas andainas polos escenarios, sacando as súas primeiras maquetas en 2005 e 2009 e publicando dous álbums, Curvatura Espacio Tiempo en 2012 e Microuniversal en 2017. Tras facer presenza en festivais de referencia como o FIV de Vilalba, acabaron por incorporar unha nova voz ás súas notas, a da francesa Katerine Pelletier.

O REENCONTRO

Malia que iso de interpretar os pentagramas seguía a ser a súa paixón, o grupo chairego levaba xa tres anos sen poñerse mans á obra con novas creacións. Tivo que pararse o mundo, para que eles, coma o resto dos mortais, se deran conta de que as cousas que realmente fan vibrar son aquelas polas que realmente merece a pena vivir. “Estábamos un pouco distraídos por temas laborais, a música non era o noso sustento e cada un tiña a súa vida, pero co confinamento volvémonos reencontrar. En vez de pasar o rato no sofá, decidimos comezar a facer algo”, di José Manuel ao explicar como foi a nova posta en marcha do grupo, que se atopa a piques de sacar un novo sinxelo. Todo isto xurdiu “como quen non quere a cousa”. A banda foi un dos millóns de usuarios de Skype durante a pandemia e “nunha videochamada para poñernos ao día e saudarnos, algún dixo que había feito unha melodía e comezamos a escoitarnos, a facer cancións… saían máis e máis, iso non se podía quedar aí”, comenta o vocalista do grupo vilalbés.

COMPOÑER TELEMÁTICAMENTE

As novas tecnoloxías e a rede foron clave para que Postergel puidera reunirse, posto que na actualidade non todos fan a súa vida na contorna vilalbesa. Como din no seu tema El Rey del Color, os músicos tiveron que adaptarse “como un camaleón cambiando de color”. O integrante da banda explica que “para compoñer a distancia seguimos a mesma práctica de sempre. Habitualmente un de nos facía a melodía dunha canción, chegábamos ao ensaio e empezábamos a traballar sobre ela. No confinamento foi o mesmo, pero cambiamos o local de ensaio pola rede. Usábamos o correo electrónico ou o WhatsApp para pasarnos os arranxos e lle dábamos forma a cada canción, non nos quedaba outra”. Agora, a distancia xa non é un impedimento, “cun ordenador, unha tarxeta de son e un programa decente se poden facer temas”. Pero hai cuestións que non se viven do mesmo xeito sen contacto, “o único inconveniente é non poder mirarnos realmente aos ollos e entendernos mellor, as cousas cara a cara sairían de diferente maneira porque o proceso telemático é mais mecánico e se nos xuntamos e nos poñemos a improvisar podemos aportar algo ao momento, emocións que saen do propio contacto. A través do ordenador é diferente, pero é a adaptación ao medio, a posibilidade de que poidan saír novas cancións malia estar cada un na súa casa, é unha forma de traballar que se vai quedar”.

UN ÁLBUM MENSUAL

O traballo durante os meses de confinamento foi intenso, a banda xa ten totalmente rematadas “entre cinco e seis cancións”, ademais dunhas cantas máis ás que só lles faltan “cousas por pulir”. Sen embargo, xa que o proceso e máis o momento de creación dos novos temas non foi o habitual, non ía a ser menos o formato do lanzamento. Postergel quixo innovar tamén coa publicación das súas novas pistas e en lugar de sacar de cheo un álbum tradicional, “ocorréusenos a idea de plasmar unha canción cada mes durante este ano”. E así o farán dende este xaneiro, publicando cada día 1 do mes a portada do sinxelo e os días seguintes a canción en streaming ata ter, en decembro, o albúm completo. O primeiro será En mi cama, que verá a luz entre o 15 e o 20 deste mes en plataformas coma en Spotify, onde xa teñen publicados os seus dous anteriores álbums. O grupo comenta que a decisión de sacar deste xeito os temas veu motivada porque “pensamos que sería máis factible para nós presentando as cancións mes a mes, non temos unha dedicación exclusiva á música, cada un ten o seu traballo e así podemos darnos máis marxe. Non nos tivemos que sentir aprisionados para sacar de golpe 12 cancións e así traballamos máis cómodos, trae consigo moita dificultade editar un disco cos medios que temos”. Ademais, consideran que esta é unha boa forma de explotar as súas redes sociais e estar activos para o seu público, “así poderemos estar presentes durante todo o ano e ter contido que amosar máis a miúdo. Iremos pouco a pouco incluíndo sorpresas”.

MESMO CARÁCTER

Aínda que xogarán “con algún ritmo máis lento”, as cancións que veñen seguen a ter a esencia do grupo e mantendo o seu estilo. A maiores aportarán “máis participación da voz de Katerine”. Unha vez salga o primeiro sinxelo, estrearán tamén o vídeo de En mi cama e dese xeito cada mes do ano deixará novos acordes de Postergel. Así, por fascículos, fan fronte á complicada situación que deixou a covid19 no sector musical. Aínda que explican que non se adican integramente á música e fan todo isto porque “é o que nos gusta e nos une”, non descartan que, cando se poida, “volvamos actuar en directo como antes e poidan seguir saíndo máis cancións”. Polo momento quédalles traballo todo o ano por diante e “iremos vendo como evoluciona todo”. Confían en que o seu proxecto teña boa acollida porque “a xente cada vez consume máis música mediante as plataformas en streaming e se che gusta unha banda segues escoitándoa da maneira que sexa aínda que agora non se poda ir a concertos”. Pero teñen moi claro “cando sexa posible actuar en directo a xente o collerá con moitas gañas, será unha gozada volver saír a dalo todo”.

Etiquetas