Os socialistas de Castro queren que o Concello se adhira ao programa de compostaxe

O voceiro Socialista de Castro de Rei, José Luis Tellado avanzo que rexistrou unha moción coa que reclama ao Concello, que tramite a través da Conselleira de Medio Ambiente, implantar un programa de compostaxe co fin de reducir a fracción orgánica de residuos no Concello. Ademais a través desta iniciativa “tamén queremos facer tamén partícipes os nosos veciños e veciñas dos beneficios e as ventaxas que xera esta actividade ecolóxica”.

Tellado explicou que a través da compostaxe “conséguense importantes beneficios ambientais e económicos, xa que os concellos poderán ver reducida a frecuencia de recollida do lixo convencional, así como o importe da factura que deben pagar a Sogama pola xestión e tratamento da bolsa negra do lixo”.

Na proposta sinala tamén que “esta iniciativa tamén xera beneficios sociais, xa que a poboación rural, cunha elevada taxa de envellecemento, non terá que depositar a diario os seus residuos nos colectores xenéricos, emprazados en moitos casos a grande distancia das vivendas”.

Nesa liña lembra ademais que “existen referencias actuais en concellos limítrofes ao de Castro de Rei nos que xa se implantaron estes programas de compostaxe, que inclúen programas gratuítos de información para ás veciñas e veciños distes concellos que participan neste proxecto. E ao mesmo tempo tamén reciben medios materiais para a elaboración de composte, xunto coa formación na materia e asesoramento continuado durante todo o proceso”, resumiu o voceiro socialista.

Etiquetas