Vilalba Aberta denuncia “parálise” na licitación do servizo de recollida de lixo

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de facer pública unha nova reunión, desta volta coa representación do persoal da adxudicataria do servizo de limpeza e recollida de lixo.

Unha xuntanza, na que traballadores/as das diferentes quendas e zonas (mañás, noites e rural), tiveron a oportunidade de expoñer diante da formación o conxunto das súas reivindicacións e demandas, nun contexto – lembraron – de “total parálise municipal”, en relación co proceso de renovación (o servizo está fóra de contrato dende setembro) e que, ámbalas dúas partes definiron de “preocupante dende o punto de vista laboral e de xestión.”

A este respecto, censurouse especialmente que o equipo de goberno continúe a gastar o diñeiro dos vilalbeses/as en estudos de consultoras privadas (os últimos, pagados a unha empresa foránea por un informe de recollida), ao tempo que a experiencia e a visión obxectiva dos traballadores/as nin tan sequera fora requirida, como acostuma a ser lóxico noutros Concellos, de cara á redacción dos pregos técnicos da licitación.
“O 25 de Setembro Vilalba Aberta denunciou publicamente o retraso e dende o 28 do mesmo mes, nada se sabe do proceso, máis alá de que o anunciado a bombo e pratos polo Goberno é imposible de cumprir en termos de económicos, orzamentarios e de xestión”, apuntou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda.

Renda, que agradeceu a “total predisposición” dos traballadores na xuntanza, cualificou de “imprudencia” a nota de prensa coa que o Goberno tratou de “pechar en falso” o debate da licitación en Setembro, remarcando que “o anunciado suporía multiplicar por 2 o actual custo do servizo e, en consecuencia, descapitalizar por completo o Concello”.

Unha visión, compartida pola súa compañeira de grupo e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, quen de novo lamentou a “evidente falta de planificación e organización interna” dun equipo de goberno que “sempre chega tarde” e ao que urxiu á posta en marcha dun proceso de adxudicación “limpo e transparente”, que dea cumprimento ás obrigas que lle corresponden ao Concello, de acordo co establecido na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, a Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia.

Así mesmo, Vilalba Aberta volveu alertar da inacción municipal, tamén, en relación coa necesaria aprobación duns Orzamentos Municipais que, tal e como explicaron ámbolos dous edís, son “inaprazables”, en tanto que “das mesmas depende a propia contrata”.

Etiquetas