Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Os GDR perfila os orzamentos para investir en proxectos do ámbito rural

Por 29 Xaneiro, 2021Sin comentarios

O programa Leader contará ata o ano 2023 cun orzamento asignado de arredor de 35 millóns de euros para dinamizar o rural galego e apoiar o labor que desenvolven neste sentido os 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) da nosa comunidade. Así o destacaron hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, nunha videoconferencia con responsables dos GDR. Estes fondos permitirán, entre outras cousas, destinar case 23 millóns de euros a financiar proxectos ao abeiro da medida Leader ata o 2023, e reforzar así o compromiso da Xunta con estes grupos.

Con esta medida fináncianse proxectos tanto de orientación non produtiva -de tipo social, por exemplo- como de carácter produtivo, do sector primario e doutras actividades que contribúen ao desenvolvemento rural. Todas estas actuacións teñen incidencia directa na diversificación económica do tecido produtivo das zonas rurais e na dotación de servizos no eido económico e nas prestacións básicas á poboación.

As bases reguladoras desta convocatoria adaptaranse ao novo contexto normativo e ás novas oportunidades para o desenvolvemento rural de Galicia, incorporando a posibilidade de financiar proxectos vinculados a instrumentos ou procedementos de recuperación da terra agraria ou de revitalización dos núcleos rurais. Neste senso, a tramitación da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -actualmente a debate no Parlamento-, que regula novos instrumentos para a posta en valor dos terreos agroforestais e a recuperación demográfica do medio rural representa unha gran oportunidade para o desenvolvemento rural do territorio galego. Por todo iso, o programa Leader debe contemplar a posibilidade de dar soporte a proxectos vinculados a estes instrumentos, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural. Por outra banda, tamén resulta de interese dar apoio a través do programa Leader a plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural enmarcados en plans estratéxicos supramunicipais.

Por este motivo, nesta convocatoria engadiranse aos proxectos subvencionables nas anteriores convocatorias, os investimentos que estean vinculados a proxectos de mobilización ou recuperación de terras. Estes proxectos poderán incluír actuacións de preparación, deseño e/ou execución de aldeas modelo, polígonos agroforestais ou proxectos de mobilidade de terras, agrupacións e actuacións de xestión conxunta ou permutas de predios agroforestais. Tamén serán subvencionables os investimentos vinculados ou incluídos no programa de actuacións de plans estratéxicos ou actuacións integrais promovidos por Agader ou actuacións no solo de núcleo rural das aldeas modelo, vinculadas a proxectos de rehabilitación, rexeneración e renovación do espazo urbano, enerxías renovables, TIC e economía circular.

Galicia garante o funcionamento dos seus GDR

Por outra banda, grazas a estas achegas Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas en garantir o funcionamento e a continuidade dos GDR ata o 2023, anualidade na que comezará o próximo período de aplicación do Programa de Desenvolvemento Rural e no que se poderán recibir e asignar fondos adicionais. Así, unha vez definida a asignación dos fondos de transición do PDR ao programa Leader, o orzamento permitirá, en primeiro lugar, destinar un importe adicional de 3,2 millóns de euros para garantir o funcionamento destes grupos ata o 2023.

Esta achega súmase ás addendas dos convenios cos GDR asinados no pasado mes de decembro para asegurar o seu funcionamento durante os anos 2021 e 2022 cun total de 7,3 millóns de euros. Polo tanto, a aportación total ascende a 10,5 millóns de euros para o devandito período. Trátase de que, grazas a estes fondos, os GDR poidan proseguir coa implementación das estratexias nos distintos territorios mediante a selección de novos proxectos que contribúan a acadar un maior grao de desenvolvemento das áreas rurais, dentro da medida Leader.

Estratexias

A maiores, tamén para apoiar o labor dos GDR, achegaranse outros 900.000 euros para unha nova convocatoria 2021-22 destinada a “accións preparatorias para a futura estratexia dos GDRs para o novo período 2023-2027”. Este orzamento implica triplicar o destinado en 2016 á elaboración das estratexias actuais. O obxectivo deste esforzo orzamentario é desenvolver estratexias de gran calidade, que conten coa participación da poboación local e de todos os axentes socioeconómicos de cada comarca, e que se adapten ao novo contexto do desenvolvemento rural. Por último, contemplarase un orzamento de un millón de euros para unha nova convocatoria 2021-22 de cooperación entre os GDR galegos ou cos doutras rexións españolas ou europeas.

Ademais, con estas aportacións dáse tamén cumprimento ao establecido polo Plan de Reactivación deseñado pola Consellería do Medio Rural no que atinxe ao apoio aos GDR para impulsar medidas para sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio.