O persoal do SAF de Vilalba fará un cribado esta fin de semana

O persoal da empresa que xestiona o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no Concello de Vilalba someterase a un cribado con probas PCR durante este fin de semana.

Polo tipo de tarefas que realizan e o contacto que teñen a diario con persoas maiores e dependentes, o concello consideraba moi necesario que os traballadores e traballadoras do servizo realizáranse as probas, polo que demandou o cribado co obxectivo de detectar posibles casos asintomáticos de covid-19.

Sanidade confirmou esta mañá o cribado, polo que o persoal do Servizo de Axuda no Fogar de Vilalba deberá desprazarse durante o fin de semana a Lugo para facerse as probas. É o terceiro cribado ao que se someten desde outubro.

Por outra parte, o Concello de Vilalba informa de que o numero de casos activos por coronavirus ascende a 170 a día de hoxe, segundo os datos da xerencia sanitaria, polo que demanda responsabilidade e o cumprimento de todas as normas e restricións.

Esta tarde, 500 traballadores e traballadoras do sector servizos de Vilalba participán noutro cribado masivo para detectar posibles casos en persoas asintomáticas e, deste xeito, frear a cadea de transmisión do virus.

O cribado diríxese a traballadores e traballadoras do sector servizos (comercio, supermercados, hostalaría, farmacias, gasolineiras, perruquerías…), entendendo que se trata dos colectivos máis expostos.

As probas realizaranse no pavillón municipal.

MOCIÓN DE VILALBA ABERTA

Precisamente, o Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa de cara ao Pleno Ordinario correspondente ao mes de Xaneiro (17:00h do vindeiro xoves día 4). Unha interpelación directa aos grupos con representación municipal, cuxo obxectivo é o de instar “con carácter de urxencia” á Xunta a que as traballadoras do Servizo de Atención no Fogar (SAF) teñan a consideración de persoal sanitario en primeira liña e sexan incluídas de forma prioritaria, polo tanto, nos plans de vacinación da mesma.

Tal e como explicou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, “en Vilalba, o SAF conta con máis de cen profesionais que dan servizo a outros tantos usuarios que forman parte da poboación de risco”. Profesionais, lembrou, que “día a día coidan dos nosos maiores e dependentes”, realizando, “un labor fundamental que as administracións non están a recoñecer”.

Unha opinión compartida pola educadora social e membro da asemblea de Vilalba Aberta, María Pérez, quen puxo como exemplo o caso de “traballadoras deste servizo que poden atender a varios usuarios diferentes en vivendas diferentes no mesmo día” e isto, explicou, “implica un elevado risco de propagación da covid-19”.

Na mesma moción, Vilalba Aberta reclamará que se incremente o número e a periodicidade das probas PCR ao persoal de atención no fogar, cando menos mentres non se complete a vacinación. A este respecto, Renda e Pérez insisten en que, “se existe algún contaxio, este debe ser detectado canto antes”.

O voceiro de Vilalba Aberta confía en que o pleno aprobe por unanimidade esta proposta. Na súa opinión, “non se trata só de esixir que coidemos a quen nos coida, senón tamén de recoñecer o labor tan importante que realizan, que en moitas ocasións vai máis alá do que o seu traballo lles esixe”. Renda considera que atender esta petición “é de xustiza, máis aínda cando día a día estamos a ver nos medios casos de “verdadeiros indecentes” que aproveitan a súa posición de poder para vacinarse antes de quen realmente o precisa”.

“O persoal do SAF estanse xogando o tipo, e a Consellería de Sanidade debe ter en conta o importante traballo que están a realizar á hora de deseñar o plan de vacinación, antes de que sexa demasiado tarde” sentenciou.

Etiquetas