Skip to main content
Guitiriz

O PP de Guitiriz esixe responsabilidades polo derrubamento da Casa da Botica

Por 4 Febreiro, 2021Sin comentarios

Estado no que quedou o solar tralo derrubamento

O PP de Guitiriz lamenta, despois do que consideran “unha aberración urbanística cometida na Casa da Botica”, que “este edificio emblemático protexido por Patrimonio -xa que estaba catalogado e aprobado no Pxom de Guitiriz co visto e prace da Xunta de Galicia- acabara nunha morea de pedras desfeitas, esnaquizadas e mesturadas unhas con outras como se fose unha escombreira por neglixencia da Deputación de Lugo e do propio Concello de Guitiriz, sobre todo, tendo a edificación ao carón da Casa do Concello e podéndoa ver a todas horas”.

“Dende que se comezou a arranxar o antigo edificio, e vendo o deterioro que estaba a sufrir e sen ningún tipo de protección”, o Grupo Municipal do PP de Guitiriz preguntoulle varias veces polas obras á alcaldesa que contestaba literalmente: “Iso non é cousa miña, diríxase vostede á Deputación e pregúntelles”. Así sucesivamente pleno tras pleno. “Nun deles ata se lle preguntou en que condicións estaba pois levaba moitos meses co tellado sacado e sen apuntalar as paredes da súa fachada. A resposta da señora alcaldesa foi a mesma: que iso non era cousa dela”.

“Dende que pasou esta aberración urbanística e patrimonial veulle agora a presa á Sra. Morandeira de pedir informes á Deputación, que é a máxima responsable, máis non a única, desta desfeita, cando antes non tiña interese ningún sobre dito antigo inmoble, xoia do patrimonio civil da vila de Guitiriz”, apuntan.

Dende o Partido Popular de Guitiriz esixen “responsabilidades e claridade sobre estes feitos” para “resolver este entorto” porque “isto non pode quedar así, como se non pasase nada. A nós, xa non coma políticos, senón como cidadáns de a pé de Guitiriz, sorpréndenos moitísimo o silencio do resto de partidos políticos, das asociacións na defensa do patrimonio, máis sobre todo, por parte das distintas administracións implicadas en relación a estes feitos acaecidos o día 26 de xaneiro”, sinalan.

Por todo isto, o Partido Popular de Guitiriz cree necesario que “se asuman responsabilidades canto antes, caia que caia e, que estes feitos non se silencien e se acaben esquecendo”, conclúen.