Exposición O Fin do Camiño en Vilalba

Do 14 Out 2020 ao 21 Out 2020 Axenda

Foi inaugurada na Casa da Cultura do Concello de Vilalba a mostra itinerante O Fin do Camiño, organizada polo Colectivo Egeria, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. No acto participaron Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba; Vanesa Siso, concelleira de Cultura, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia. As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos –Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.

Os textos abordan o tema de O Fin do Camiño como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz.

Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.

Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López.

A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2,30×0,80 metros, e ademais do patrocinio da Xunta de Galicia a través de “O teu Xacobeo”, conta coa colaboración da Asociación de Municipios del Camino de Santiago e Acogida Cristiana del Camino, da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto, cos contidos da exposición.

Esta exposición percorreu o ano pasado o Camiño Francés, e este ano visitará todos os concellos da provincia de Lugo polos que pasan os Camiños de Inverno, Primitivo, Norte e Vía Kunig.