Skip to main content
As PontesDeportes TERRACHÁXA

A Xanela celebrará o domingo a súa carreira solidaria

Por 19 Setembro, 2023Setembro 20th, 2023Sin comentarios

A concelleira de Igualdade, Tania Pardo participou, na rolda de prensa de presentación da primeira carreira-andaina solidaria As Pontes Contigo promovida pola Xanela, asociación de persoas discapacitadas activas con sede no municipio, que se celebrará o domingo, 24 de setembro.

Esta iniciativa ten como obxectivo mostrar, a través do deporte e dos seus valores, a importancia do coidado das persoas con diversidade funcional e das persoas maiores en soidade non desexada así como recadar fondos para o seu proxecto As Pontes Contigo.

A responsable da área apuntou que “desde fai décadas A Xanela traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional e promover a súa inclusión neste caso empregando como vehículo o deporte e o seu impacto sobre o benestar, desenvolvemento persoal e autonomía das persoas. Desde o Concello agradecémoslle o seu traballo, así como o de todas as persoas e entidades que colaboran na posta en marcha desta carreira-andaina e que nos permitirán gozar dunha gran xornada de deporte e inclusión na nosa vila”.

Pola súa banda, Carlos Castro, presidente da Xanela agradeceu ao Concello o seu compromiso coa asociación así como as todas aquelas persoas que colaboran coa carreira para poder levar a cabo o proxecto “As Pontes Contigo” deseñado por Laura Vilaboy, antiga traballadora da entidade, baseado na idea das cidades compasivas e a través do que a Xanela busca que As Pontes sexa unha vila na que se fortalecen as capacidades da comunidade para o coidado colectivo das persoas que requiren de coidados paliativos, que sofren soidade ou requiren dalgunha atención especial (pensando sobre todo en persoas maiores e persoas con diversidade funcional) e das súas familias, persoas coidadoras, profesionais do entorno comunitario e comunidade educativa.

A I Carreira – Andaina Solidaria As Pontes Contigo está incluída no calendario oficial das competicións da FGA, desenvolverase nun circuíto urbano homologado, con saída e meta na Rúa 8 de marzo.

A proba arrancará ás 11:00 da mañá e inclúe as categorías biberón (150 metros ), Sub 8 (350 metros), Sub 10 (700 metros), sub 12 (1000 metros), sub 14 (1400 metros), sub 16 (1800 metros), absoluta (5 km), andaina (3,5km) así como una categoría inclusiva n que poderán participar persoas que compiten en cadeiras de rodas e handbikes, persoas con algún tipo de diversidade funcional de tipo visual así como calquera outro tipo de diversidade.

O prezo de inscripción é de 6 euros para a carreira e de 3 euros para a andaina. A carreira será de balde para a categoría biberón e de 2 euros para o resto de grupos da categoría escolar, no caso da andaina será gratuíta para as crianzas de menos de 5 anos cumpridos o día do evento. O prazo para inscribirse remata o martes 19 de setembro de 2023 ás 23:59 horas. A inscrición está a cargo da Federación Galega de Atletismo e realizarase a través da páxina web: www.carreirasgalegas.com.

Para a modalidade de andaina a inscrición poderá ser levada a cabo a través desta web ou de maneira presencial na sede da asociación A Xanela (Rúa A Xanela s/n, As Pontes de García Rodríguez, A Coruña). As persoas que participan na categoría inclusiva deberán inscribirse a través da Federación Galega de Atletismo e indicar especificamente que van a participar en dita modalidade.

Dado o carácter solidario da presente carreira – andaina, establecese a posibilidade de participar a través da “fila cero” para todas aquelas persoas que, sen participar na carreira nin na andaina, queiran facer unha contribución económica ao proxecto “As Pontes Contigo

Todas as persoas participantes na categoría escolar van a recibir de agasallo unha medalla e unha bolsa co avituallamento. Os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres clasificadas na categoría absoluta van a recibir un trofeo. As tres primeiras persoas clasificadas na categoría inclusiva dentro da carreira absoluta van recibir un agasallo e, ademais, haberá outro para a persoa con máis idade que remate a carreira. A carreira andaina solidaria rematará cun sorteo de agasallos, cedidos por diversas empresas galegas e multinacionais, entre todas as persoas participantes.