Skip to main content
Lugo

Aberta a contratación dunha asistencia técnica para desenvolver o plan Lugo Cidade Verde

Por 23 Decembro, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou a apertura do procedemento de contratación dunha asistencia técnica que desenvolverá o Plan de Acción da Axenda Urbana Española no que se engarzan os programas e proxectos relacionados co deseño e planificación estratéxica do municipio.

O trámite, autorizado en Xunta de Goberno é a continuidade á aceptación da achega estatal coa que se porá en marcha a Oficina de Xestión de Proxectos dende a que se pretenden artellar todas as accións recollidas baixo a marca Lugo Cidade Verde.

A rexedora explicou que a licitación, que disporá dun orzamento de 242.000 euros e dun prazo de execución de 7 meses, terá como obxectivo “redactar, implantar, e realizar o seguimento e avaliación da Axenda Urbana do municipio e das actuación asociadas entre as que figura, sinalou, a creación dun Observatorio Urbano para promover a participación social así como do Consello da Mocidade dende o que se incentivará a implicación da xuventude en todos os temas da cidade”.

“Igual que fixemos xa noutras ocasións, temos a vontade de incorporar as inquedanzas e suxestións que nos trasladen os diferente axentes sociais que operan na localidade e darlle ademáis un enfoque transversal a todas as accións que desenvolvamos na abordaxe dos impactos que está ocasionar o cambio climático. Así, serán obxecto deste Plan de Acción a ordenación do territorio e o seu uso racional, a revitalización da zona rural e a súa integración coa contorna urbana, a xestión sostible dos recursos, tamén no eido da mobilidade, e mesmo a economía circular ou o fomento do consumo dos produtos de proximidade”, lembrou Lara Méndez.

A alcaldesa indicou que, a este efecto, se creará unha Oficina de Xestión de Proxectos “que será a encargada de redactar as propostas técnicas que impulse o Comité Operativo”, presidido pola propia Lara Méndez e constituído por funcionarios de carreira da Administración local con acreditada experiencia ao respecto.

Xa noutra orde de asuntos, na sesión celebrada esta semana, o equipo de Goberno autorizou, alén, a contratación dun servizo de mantemento do Sistema Integral de Xestión Municipal. A adxudicación realizarase por un ano, prorrogable até os 5 en períodos mensuais, e terá un importe durante o primeiro exercicio de 169.884 euros.

Inclúe a adquisición das aplicacións informáticas que dan soporte á elaboración dos Orzamentos, á contabilidade, á xestión e inspección tributaria, á expedición de documentos, etc…

Igualmente, foron outorgadas tres licenzas para diferentes actuacións urbanísticas de particulares no termo municipal que suporán un investimento conxunto de 375.872 euros.