Skip to main content
Lugo

Acondicionarán as zonas peonís con elementos disuarios do tráfico que tamén son xogos

Por 7 Novembro, 2023Sin comentarios

O tenente alcalde e responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, achegouse ata a rúa Camiño Real xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, onde se veñen de instalar unha serie de elementos para mellorar a seguridade no treito peonil, entre a rúa Concepción Arenal e a Rolda da Muralla. Os novos elementos permitirán aumentar a seguridade das persoas ao forzar a reducción da velocidade dos vehículos autorizados para transitar pola zona peonil, e facilitarán que as nenas e nenos da contorna desenvolvan as súas habilidades psicomotrices, ao tratarse de elementos pensados para o xogo das nenas e nenos.

Rubén Arroxo destacou a boa acollida da veciñanza desta nova zona peonil e afirmou que “Camiño Real é o primeiro paso da comunicación totalmente peonil entre a Rolda da Muralla e a Milagrosa, camiño que foi avanzando tamén coa peonalización da rúa Luís Seoane e que continuará na rúa Milagrosa, proxecto que será incluído nos orzamentos do 2024”.

O Tenente Alcalde destacou que esta nova zona se deseñou contando con árbores que crearán unha zona de paseo á sombra na tempada de calor “facendo máis agradable a estancia na vía pública durante os meses de máis calor, e avanzando no obxectivo de crear zonas de paseo con sombra en todo o tecido urbano de Lugo”.

Este treito conta cun mellor acondicionamento ambiental, dado que se instalaron novas zonas verdes con árbores e arbustos. O mobiliario urbano foi completamente renovado, instalando bancos con respaldo, ademais de papeleiras e fontes. “Creamos unha nova zona para o desfrute da veciñanza, un espazo acolledor e amable para as persoas da zona e para toda a veciñanza de Lugo”, explicou Arroxo.