Skip to main content
Comarca AMARIÑAXACultura AMARIÑAXA

Actividades con matices morados

Por 8 Marzo, 2024Sin comentarios

Os concellos e asociacións preparan moitas actividades para esta semana co gallo do Día Internacional da Muller.

Desde hai máis de 100 anos, o 8 de marzo é un día que celebra os dereitos das mulleres, os dereitos que foros conseguindo en todos os ámbitos. Na actualidade, durante esta xornada, organízanse actividades e manifestacións en todo o mundo para denunciar que aínda queda moito camiño por percorrer ata alcanzar esta desexada igualdade real entre homes e mulleres.

Os concellos mariñaos queren tamén amosar o seu compromiso coa non discriminación por razón de xénero e o seu apoio na loita contra a violencia exercida cara as mulleres.

Así, durante todo este mes de marzo haberá unha ampla variedade de actividades. Esta é a proposta que realizan os concellos da comarca.

ALFOZ. Dende o Concello programáronse diferentes actividades. Así, a Casa do Concello estará tinguida de violeta como apoio a todas as mulleres, e o 8 de marzo publicarase a I edición Mulleres de Alfoz, con infografías sobre mulleres relevantes do concello que serven de exemplo e foron pioneiras na súa vida profesional.

O día 9 de marzo ás 17.00 horas na Casa da Cultura terá lugar unha quedada que leva por nome ‘As mulleres a través do tempo’ na que se analizará o papel da muller en diferentes épocas a través do intercambio de experiencias de vida das mulleres de Alfoz. Tamén, o grupo de VIA Alfoz organiza a X Ofrenda floral na conmemoración do Día Internacional da Muller. O evento será o sábado 9 ás 12.00 horas nas inmediacións do Castelo do Castrodouro.

BARREIROS. No marco deste día, o 8M, está programada a lectura do manifesto institucional na praza do Concello ás 13.00 horas. A concelleira tamén anunciou un obradoiro de musicoterapia para mulleres impartido pola musicóloga e musicoterapeuta María Fuente no centro sociocultural de San Cosme ás 11.00 horas. Para participar neste obradoiro é precisa a reserva de praza no teléfono 629 668 251.

CARMELA LÓPEZ. Alcaldesa de Burela.

“É un día no que hai que lembrar e recoñecer a historia dos dereitos das mulleres por un mundo igualitario e libre”

Para rematar o mes de marzo, a área de Igualdade programa unha nova edición da Escola de Familias impartida por Disciplina Positiva A Mariña. Estes obradoiros darán comezo o sábado 23 de marzo ás 10.00 horas no centro sociocultural de San Cosme e consistirán en tres sesións con periodicidade mensual.

Haberá tamén un espazo dedicado ás crianzas co obxectivo de facilitar a conciliación á vez que se lles proporciona tamén formación mentres xogan ou desenvolven actividades.

BURELA. A programación, que xa comezou o venres 1 de marzo, seguirá o propio día 8 cunha homenaxe ás xogadoras do Pescados Rubén Burela de fútbol sala feminino, baixo o lema ‘Burela guerreira pola igualdade’, no pavillón Vista Alegre. Será ás 9.15 horas.

No mesmo día ás 12.00 na praza do Concello terá lugar a lectura do manifesto institucional. E o 15 de marzo pola mañá representarase a obra de teatro ‘#2Pilgrims” para os institutos de Burela, e ás 21.00, no auditorio a un prezo de 4 euros.

Ademais, ao longo de marzo haberá diversos obradoiros dirixidos a centros educativos sobre Educación sexual dixital e pornografía.

GLORIA GONZÁLEZ. Asc. Pesca Recreativa Burela.

“Temos que reivindicar o papel da muller, pois por desgraza aínda non estamos á altura dos homes en moitos ámbitos”

LUCÍA FERRO. Escritora.

“Esta data é un día de reflexión no que o privilexio non ten outra máis que escoitar a dor da poboación oprimida”

BELÉN MOGO. Artista mariñá.

“É un día para poñer en valor a moitas mulleres cunha boa traxectoria que de outra maneira nunca serían visibles”

CERVO. O sábado 9 de marzo terá lugar o xantar do Día Internacional da Muller, no restaurante O Noso Lar ás 15.00 horas. Na comida farase entrega dos trofeos ás gañadoras dos campionatos de tute e parchís, así como un sorteo de agasallos cedido polas asociacións. A xornada rematará con baile na Casa do Mar da man de DJ Ovo.

Xa o domingo 17 de marzo ás 18.00 horas será a segunda edición do Karaoke pola Igualdade no auditorio da Casa da Cultura. Os participantes deberán escoller unha canción composta ou popularizada por mulleres que se atope na lista de temas publicada no taboleiro de anuncios da páxina web do Concello. Todo aquel que decida interpretar unha canción que non se atope na lista deberá avisar con anterioridade para comprobar se pode ser reproducida polos medios técnicos da organización.

O prazo de inscrición no propio Concello rematará o venres 15 de marzo ás 15.00 horas. Tamén se permitirán as solicitudes entregadas o mesmo día do concurso na Casa da Cultura antes dos ensaios previos dos participantes, que darán comezo ás 16.30 horas. O concurso contará con diversos premios en distintas categorías que abarcan desde os 50 euros aos 150.

REBECA MASEDA. Xestión cultural & violín.

“O 8M é celebrar e entender a vida en clave feminina. Compromiso e loita por un mundo mellor para todos.”

MONDOÑEDO. O Concello, a través do Centro de Información ás Mulleres, organiza unha nova edición dos concursos de debuxo ‘Debuxando en Igualdade’, e de relatos Letras para a Igualdade, no que se invita ao alumnado dos centros de Primaria e Secundaria dos concellos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto a participar cunha obra orixinal na que a temática sexa a igualdade entre mulleres e homes. O sábado 23 de marzo terá lugar a entrega de premios dos concursos.

Os actos institucionais e centrais serán o martes 8 de marzo e terán lugar na praza do Concello a partir das 12.00 horas. Darase lectura á declaración en prol da igualdade que cada ano realiza o Concello para, a continuación, dar lugar á presentación do novo panel da exposición ‘A Historia de Mondoñedo leva nome de muller’. Neste 2024 estará dedicada a Dolores Lombardero, farmacéutica, a Elena Candia, política, e a Cristina Vázquez, atleta, e ás labregas de Mondoñedo. O panel de 2024 estará exposto durante todo o ano na entrada da Casa do Concello e os anteriores poden visitarse na sala de reunións da CIM.

Ao longo de todo o mes terán lugar obradoiros de igualdade e diversidade LGTBI+ nos centros educativos de Mondoñedo e A Pastoriza.
Tamén a Asociación Sendeiriña organiza unha charla o 15 de marzo ás 20.30 horas na Casa da Xuventude sobre ‘Menopausia: entendiendo los cambios’.

O VICEDO. Ao longo deste semana o Concello terá instalada unha estanteria con folletos informativos sobre igualdade de xénero. E o venres 8 de marzo diante da Casa consistorial ás 12.00 horas haberá una solta de globos lilas e un reparto de bolsas blaster e chuvasqueiros con lendas como “Xuntos, loitamos pola igualdade”. Instalarase tamén unha pancarta no balcón da casa consistorial.

OUROL. O día 8 de marzo o Concello organiza un taller e a exposición ‘Sobre as nosas cabezas’. Esta mostra amosa diferentes imaxes de mulleres de diferentes países portando diferentes obxectos nas súas cabezas. Unha imaxe típica galega, pero que tamén se pode ver noutras zonas do mundo como Cabo Verde, Brasil, Haití, República Dominicana, India…

A inauguración desta exposición será ás 16.30 horas na Biblioteca con entrada gratuíta. E poderá verse do 11 ao 15 de marzo de 10.00 a 13.30 horas. Para o taller é necesaria a inscrición previa no teléfono 982 559 109.

SILVIA FIALLEGA. Xestora cultural.

“O 8M lémbranos que aínda nos queda camiño por andar e moitos teitos por romper. Implica educar en igualdade no día a día”

ZELTIA VALCARCE. Médica.

“É un día para reivindicar e seguir o camiño das nosas avoas, esas mulleres traballadoras que son exemplo de loita e dignidade”

ISABEL VILALBA. Labrega.

“As labregas seguiremos cultivando igualdade e loitando para poder seguir producindo os alimentos saudables”

LUCÍA SÁNCHEZ. Investigadora.

“É o día no que ao unísono, as mulleres nos revolvemos contra as redes machistas e afincamos a nosa pegada na historia”

RIBADEO. A Área de Igualdade organiza diversas actividades que comezan o 7 de marzo cunha charla sobre a menopausia, guiada polo xinecólogo Ezequiel Cardoso González, e que será ás 20.00 horas no Centro Social Comunitario.

O 8 de marzo será a excursión ao Balneario de Cuntis, e contan con realizar outra saída na primavera seguramente ao Balneario de Guitiriz. O propio 8M haberá unha manifestación feminista organizada por varios colectivos, con saída do aparcadoiro xunto á rotonda do IES de Ribadeo ás 20.00 horas. Pola noite, ao remate da manifestación, será o concerto das Fillas de Cassandra, ás 21.30 horas no auditorio Hernán Naval. A entrada custará 5 euros e venderase de forma anticipada ese mesmo venres pola mañá de 10.00 a 15.00 horas na Casa de El Viejo Pancho e pola tarde no Auditorio desde as 20.30 horas.

Xa o 9 de marzo ás 11.00 horas na praza 8 de Marzo (en caso de choiva no Cine Teatro) lanzarán o proxecto ‘Move Ficha pola Igualdade’.

E o 12 de marzo, en colaboración cos colexios locais, celebrarán, dentro do programa ‘O Concello os Coles’, unha actividade de narración oral chamada ‘Rapazas de conto’, onde os máis novos poderán explorar contos que fomentan a igualdade e a diversidade de xénero.

Tamén desde o 6 de marzo a Escola de Música albergará unha exposición especial baseada no traballo de investigación dunha trombonista, Hanna Nauke.

TRABADA. O 8 de marzo, o Concello de Trabada proxectará a película ‘O Corno’, da directora Jaione Camborda. Esta cita será ás 21.00 horas na casa da cultura.

VIVEIRO. O Concello xunto ao CIM, prepara varios actos para que comezarán o vindeiro 8 de marzo coa lectura dun manifesto na praza Maior ás 12.30 horas.

Así, o sábado 9 haberá unha obra de teatro ‘Boa Sorte, Mala fama’ ás 20.30 no Pastor Díaz, e ás 22.00 horas será a XIX Cea de irmandade para mulleres no Restaurante Louzao.

Tamén ata o 16 de marzo estará aberta a exposición de traballos dos concursos de Debuxo Escolar Mamá Traballadora e de fotografía Mulleres e Traballos, na sala da biblioteca municipal.

E do 1 ao 15 de abril na sala multiúsos do Concello estará a mostra ‘Chicas nuevas 24 horas’, de Mabel Lozano, poderase sobre a temática da explotación sexual, financiada pola Rede de Entidades Locais Contra a Violencia de Xénero.

PALOMA DÍAZ. Coordinadora de Bal y Gay.

“É o Día ideal para fomentar na infancia o espíritu crítico, formando así persoas máis xustas e transformadoras para o futuro”

CARMEN GARCÍA. Xubilada.

“Eu nunca me sentín manipulada por ningún machista, traballei de xeito conxunto na hostalería e nunca fun nin mais nin menos”

DOLORES GARCÍA. Alcaldesa de Cervo.

“O día que se recorda a loita de moitas persoas para chegar á muller de hoxe libre e forte”

Por outra banda, haberá un obradoiro sobre acoso escolar ou sexual e redes sociais, dirixido a alumnado dos IES María Sarmiento e Vilar Ponte de Viveiro que se desenvolverá ata o 28 de maio. E rematará co club de lectura En Feminino, a cargo da actriz galega Estíbaliz Veiga.

XOVE. O Concello de Xove celebrará o Día Internacional da Muller o sábado 9 de marzo cunha chocolatada á que convida a todos os veciños. Esta chocolatada será ás 17.30 horas no salón de actos do propio edificio municipal e será unha homenaxe ás mulleres e os seus dereitos. E nesta ocasión, no acto conmemórase o Encontro de palilleiras ‘Coas Nosas Mans’ do Concello de Xove, e ás mulleres que o levan facendo posible durante trece anos.

O encontro é unha forma de imbuír de merecido prestixio un oficio tradicionalmente feminino que implica talento, arte, compartir e reunirse, e que foi evolucionando ó longo das edicións ata transformarse no que é hoxe: un escaparate para o municipio de Xove en Galicia e noutras comunidades, e un importante impulso para a economía local.

Tamén o venres 8 ás 12.00 horas haberá un acto interxeracional conmemorativo coa colaboración da Escola Infantil de Xove, o Ceip Pedro Caselles, o IES Illa de Sarón, os maiores da Residencia San Bartolomeu e os usuarios do Centro de Día Coidando de vós de Burela. Este acto será no pavillón municipal de deportes de Xove.

VEGADEO. A Concellería de Igualdade do Concello de Vegadeo organiza un taller de arte saudable dirixido a mulleres. Esta cita será os días 9 e 23 de marzo, 6 e 20 de abril, e 4 e 18 de maio e en horario de 17.00 a 19.30 horas.
Impartirase no local das asociación da rúa Camilo Barcia e para participar haberá que anotarse previamente chamando ao teléfono 985 634 022. Hai prazas limitadas.

FOZ. A programación dará comezo o venres ás 19.00 horas coa concentración diante do Concello e lectura do manifesto por parte da concelleira de Muller e Igualdade e dúas compañeiras da corporación municipal. Ese mesmo día, ás 20.30 horas, poderase gozar dunha xornada de teatro coa obra Cigarreiras, da compañía Contraproducións.

O domingo 10 ás 12.00 horas na Sala Bahía haberá unha xornada de teatro familiar denominada Asemblea Xeral, da Compañía Sarabela Teatro.

O martes 12 ás 18.30 horas na Casa da Cultura Poeta Manuel María os máis pequenos poderán desfrutar dun contacontos pola igualdade con Marisa Irimia, natural de Foz, que amosará o seu espectáculo Rapazas de conto.

O domingo 17 de marzo, ás 11.00 horas na Sala Bahía, haberá un obradoiro no que nenas e nenos a partir dos 3 anos poderán gozar de diferentes actividades sobre a Igualdade. E por último, xa durante o mes de abril, e en colaboración coa Aula Universitaria de Foz, levarase a cabo no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) unha exposición sobre a trata de mulleres realizada desde o Servizo de Atención a mulleres vítimas de violencia, trata e explotación sexual, de Cáritas Diocesana de Lugo.

OBSERVATORIO. O Observatorio da Mariña pola Igualdade convoca a todo o feminismo da Mariña Lucense “para combater contra as políticas que tratan de silenciarnos. Somos feministas, somos loitadoras e somos poderosas”.

Este ano 2024 queren visibilizar aos sectores máis vulnerables onde traballan maioritariamente as mulleres, “como son os servizos de limpeza e o sector téxtil e poñer en valor a loita que levaron a cabo as compañeiras da limpeza de Lugo nos últimos meses, que resistiron cunha longa folga ata que acadaron mellorar as súas condicións laborais, demostrando o necesario que é a unidade feminista cara a un mesmo fin: varrer o patriarcado”, engaden.

Por todo isto, o Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza e convoca unha manifestación o 8 de marzo ás 20.00 horas en Ribadeo. E tamén, o venres 8 de marzo na praza de abastos de Burela, farán un convivio e apertura do quiosco 8M, a partir das 14.00, e outro de obradoiro de cartaces, de 16.00 a 18.00.