Skip to main content
Monforte

Adxudicación de varios servizos turísticos de Monforte

Por 7 Maio, 2021Maio 10th, 2021Sin comentarios

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar a adxudicación do servizo de explotación do Centro do Viño e outros servizos turísticos do Concello, “unha das concesións máis importantes que este Concello ven de adxudicar, xa que a través desta xestión integral única, centraremos a proxección turística de Monforte como cidade museística e de interese cultural, como capital da Ribeira Sacra e como cidade pola que transcorre o Camiño de Inverno, proporcionando uns servizos acordes coa importancia turística que ten a nosa cidade e o noso entorno”, destaca o Alcalde.

Deste xeito, a xestión integral e explotación dos servizos que se prestan no Espazo expositivo do Centro do Viño da Ribeira Sacra, na Oficina de Turismo, na futura Oficina de Atención ó Peregrino e das visitas á Torre da Homenaxe, todas elas instalacións e servizos turísticos dependentes do Concello de Monforte de Lemos, foi adxudicada á UTE “María Isabel Álvarez Sangil, Ruth Díaz Amor, Vicente Parra Vizcaino e Albergue Santiago 15, S.L, Unión Temporal de Empresas Ley 18/82, Numero 1”, e con sede na cidade de Monforte.

A empresa adxudicataria presentou un prezo total de 203.885 €, IVE engadido, asumindo a totalidade das melloras recollidas na súa oferta, rebaixando en máis de 40.000 euros o prezo inicial de licitación e aumentando as horas do servizo en 470,50 horas anuais respecto do total de horas licitado. Ademais, a UTE ofertou como mellora unha inversión no servizo de 17.250 €.

Unha vez adxudicada esta xestión integral dos servizos turísticos municipais, a formalización do contrato entre o Concello e a UTE monfortina terá lugar nos vindeiros días.

Para que esto se puidera levar a cabo, a empresa adxudicataria asumiu uns requisitos que se poden consultar na web do Concello de Monforte de Lemos, así coma as tareas que van a desenvolver en cada un dos espazos adxudicados -espazo expositivo do Centro do Viño da Ribeira Sacra, Oficina de Turismo, Oficina de Atención ó Peregrino e visitas á Torre da Homenaxe-.