Skip to main content
Lugo

Africor inaugura en Lugo as súas Xornadas Técnicas

Por 14 Xuño, 2022Sin comentarios

Africor Lugo -Vaca Pinta inagurou hoxe as súas Xornadas Técnicas, nas que participou o deputado de Recursos Sostibles Roberto Fernández Rico. Fíxoo tras renovar, a institución provincial, a súa colaboración económica no ano no que volveron ao formato presencial na Facultade de Veterinaria.

Fernández Rico puxo o acento na calidade dos relatores e o interese que espertan os temas propostos para o debate.

“Este ano non é unha excepción, e abórdanse cuestións como o uso responsable de antibióticos, ou a pegada do calor na produción e no benestar dos animais”, concretou, engadindo que “tamén se tratan cuestións vinculadas cos novos medios de monitorización e co uso das tecnoloxías da información, na liña de seguir avanzando na transferencia de coñecemento e na modernización do sector para gañar produtividade, eficiencia e competitividade”.

Aludiu a outra das temáticas relevantes incluídas na programación da xornada, como son as axudas financeiras dispoñibles para os produtores.

Nese sentido, lembrou, “o pasado 30 de maio os produtores galegos de leite percibiron o primeiro pago das axudas extraordinarias que habilitou o Goberno do Estado dentro do plan de reposta aos efectos da guerra en Ucraína. Galicia é a comunidade máis beneficiada, con 6.434 gandeiros e gandeiras, e un importe superior ós 55M€”, explicou Fernández Rico. E concretou que deses 55M€, case a metade, máis de 25M€, estiveron destinados a 2.835 gandeiros da provincia de Lugo.

O deputado de Recursos Sostibles deixou patente que as “administracións públicas debemos seguir apostando decididamente polo noso sector primario, que é fundamental a nivel económico, como fonte de riqueza e de emprego, pero tamén como garante da nosa capacidade de abastecemento cando guerras ou pandemias colapsan as rutas de distribución internacional”.

Explicou que a Deputación de Lugo mantén un firme compromiso co sector primario dende moitas liñas de actuación como é, dixo, o apoio económico á propia celebración destas xornadas de Africor.