Skip to main content
Actualidade

Anade recoñecerá a labor de inclusión das persoas con capacidades diferentes nunha gala

Por 24 Abril, 2019Sin comentarios

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, a Concelleira de Benestar, Ana González Abelleira, e a Delegada da Fundación Anade (Asociación Nacional de Alternativas Dramáticas e Expresivas) en Lugo, Ángeles Fernández Mayra, presentaron, este mércores no Pazo de San Marcos, a IX Gala de Entrega de Premios de Inclusión Social, organizada por este colectivo e que conta coa colaboración do Executivo Provincial.

A cita, que terá lugar o vindeiro 25 de abril no Restaurante Os Robles, recoñecerá a labor a prol da inclusión das persoas con capacidades diferentes. Este colectivo social achega o mundo da arte e da creatividade, ás persoas con discapacidade e enfermidades mentais, creando grupos de teatro. Na presentación tamén participaron os membros da directiva da Asociación Os Pinchacarneiros, Lucía Saavedra e Inés López.

Santos Ramos subliñou que “dende o Goberno Provincial sumamos esforzos coas asociacións e colectivos sociais da provincia, co fin de acadar a plena inclusión das persoas con capacidades diferentes que integran a nosa sociedade. Anade é un bo exemplo de integración, pois achega actividades teatrais aos usuarios que atende, eliminando barreiras no eido artístico”.

A novena edición da Entrega de Premios de Inclusión Social, coincide co 15º aniversario do grupo de teatro, da cidade de Lugo, Os Pinchacarneiros. Na gala entregaranse dous premios: o galardón Galicia, dirixido ao actor do recoñecido filme Campeones, Javier Gutiérrez; e o premio España e o resto do mundo para a Federación Madrileña de Deportistas con Discapacidade intelectual.

Anade conta en Lugo con 15 usuarios, que son partícipes das actividades artísticas que se realizan co obxectivo de acadar a máxima inclusión social e laboral das persoas con capacidades diferentes. A través das actividades e proxectos que realizan, fomentan un mellor coñecemento e intercambio de experiencias entre as diferentes persoas e colectivos que integran a comunidade. Nesta liña, tamén desenvolven grupos de teatro e mostras das mesmas que serven para ensinar á sociedade o resultado do seu traballo. Ademais crean premios de fotografía e de contos para fomentar a lectura e a escritura.