Skip to main content
Lugo

Aniversario da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais

Por 11 Decembro, 2023Sin comentarios

O programa, que se desenvolve baixo o título ‘O futuro da seguridade a saúde no traballo escríbese hoxe’, bota a andar este martes ás 9.30 horas e inclúe relatorios e mesas de debate arredor da creación de lugares de traballo seguros e saudables.

A Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL) celebra este martes, a partir das 9.30 horas, na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, a xornada ‘O futuro da seguridade e a saúde no traballo escríbese hoxe’, un foro que coincide co 50 aniversario da creación desta entidade e no marco do que distintos relatores intercambiarán opinións e coñecementos arredor da creación de escenarios laborais seguros e saudables.

A decana da Facultade de Ciencias da USC, Asteria Luzardo, presidirá a sesión inaugural destas xornadas, nun acto no que tamén intervirán o presidente da SGPRL, Carlos Montes Piñeiro, e a xerente do Instituto de Seguridade Saúde Laboral de Galicia, Adela Quinzá-Torroja García, quen, deseguido, ofrecerá o relatorio de apertura da sesión baixo o título ‘Estratexia de SST de Galicia: Horizonte 2027.

O programa da xornada abordará cuestións relativas ao impacto da transformación dixital nas contornas laborais de Galicia, así como respecto aos desafíos e oportunidades da intelixencia artificial e a automatización. As últimas innovacións tecnolóxicas no ámbito da prevención de riscos laborais e a identificación de estratexias e solucións proactivas para moldear o futuro do traballo constitúen outras das cuestións que se tratarán no marco desta xornada.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo López, clausurará, ás 13.25 horas, o programa deste foro no marco dun acto no que tamén intervirá o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga.