Skip to main content
Lugo

Artistas galegas emerxentes reinterpretarán obras do Museo de Lugo

Por 25 Xaneiro, 2024Sin comentarios

‘As 7 e 7’ aposta por visibilizar a creatividade feminina ao longo do tempo e ensinar a mirar a arte contemporánea.

Sete artistas galegas emerxentes de diferentes disciplinas interpretarán obras doutras tantas artistas expostas no Museo Provincial de Lugo co proxecto As 7 e 7, comisariado por Sergio Marey.

Trátase de Andrea Otero, Noa Costas Martín, Christina Chiarroni, Carmen Quintáns, Sabela Eiriz, Greta Debelius e as irmáns Noa e Lara Castro Lema , que desenvolverán o seu exercicio creativo a partir de obras de Maruja Mallo, Xulia Minguillón, Mónica Alonso, María Luísa Pérez Herrero, María del Carmen Corredoira, Violeta Bernardo e María del Carmen Álvarez de Sotomayor y Castro.

As artistas visitaron esta mañá o Museo Provincial de Lugo para afondar no contexto en que se expoñen as obras que inspirarán as súas novas creacións. O resultado poderá verse a partir do 29 de febreiro nunha mostra colectiva que visibilizará as obras de artistas consagradas xunto a outras que comezan a súa andaina no mundo artístico, poñendo en valor o traballo das mulleres creadoras.

O proxecto pretende incidir tamén na educación na arte, convertendo o proceso creativo nunha oportunidade para achegar a cidadanía á arte contemporánea. Nese senso, Sergio Marey apuntou que “moita xente rexeita os espazos museísticos porque di non “entender” a arte, por iso un dos principios fundamentais deste proxecto é desenvolver un traballo educativo. Amosar a historia da arte pasada e actual, e ensinar a mirar a arte das creadoras contemporáneas”.

A vertente educativa e divulgativa do proxecto artístico ampliarase con actividades como os obradoiros Vendo como ver ou Vexo, vexo que ves sobre a linguaxe e as técnicas da arte contemporánea, visitas guiadas e mesa redonda coas artistas As Mulleres na Arte: retos e dificultades, que estará moderada por Mónica Alonso.

A deputada de Cultura Iria Castro destacou que “o proxecto dá continuidade ao traballo desenvolvido desde a Rede Museística Provincial por visibilizar e ofrecer espazos expositivos para mulleres creadoras” e lembrou que “en 2023, os museos provinciais albergaron obras e proxectos de 50 mulleres, 39 delas, artistas plásticas”.

‘As 7 e 7’. Notas sobre as artistas participantes

Andrea Otero (Os Prados, 1996)

Romantika feminista / pesimista / artista-plástico-altruísta / xenerosa mimosa medorosa / bicos de mariposa / omnivorosa / desfeita, disaster, ovillo, burato, kt / non me gusta o mate / graduada en belas artes / en Granada estudei un máster / ou ser guapo ou firmar u contrato / busco traballo / coser e cantartodo es empezar / lectora e bo bebedora, mellor escoitadora / d’eixame falar.

Christina Chiarroni (A Coruña, 1993)

Artista visual, directora de arte e xestora cultural graduada e Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde posteriormente estuda o Máster en Dirección de Arte e Publicidade. Asúa producción artística mestura diferentes disciplinas, como a cerámica, tétil, performance ou vídeo, reflexionando sobre o corpo, a infancia, o nomadismo e a linguaxe dixital.

Greta Debelius (Vigo, 1990)

Greta Debelius é ilustradora e tatuadora, porque sendo autónoma non se pode ser só unha cousa. Gústalle debuxar macarradas, pero preferiría non ter que facer nada de nada. Ás veces tamén escribe textos sobre si mesma en terceira persoa.

Noa e Lara Castro Lema (A Coruña, 1998)

Noa e Lara Castro remataron a licenciatura en Belas Artes pola Universidade de Vigo (ES), e un máster en Produción e Investigación en Arte na Universidade de Granada (ES), e actualmente reciben unha bolsa da Fundación María José Jove para estudar Belas Artes na FHNW de Basilea (CH). Ata a data participaron en festivais e laboratorios de creación a nivel autonómico, nacional e internacional. Ademais de ter recibido premios e subvencións, formaron parte de exposicións, iniciativas e proxectos colectivos. Son programadores de Intersection Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo, A Coruña (ES) así como membros do colectivo Grupo subterráneo. Foron xurados en festivais de cine e exposicións comisariadas.

Sabela Eiriz (Lugo, 1991)

Sabela Eiriz é unha artista multidisciplinar, cuxos medios principais son a fotografía, o vídeo e o texto. A través dunha aproximación conceptual, busca implicar ao espectador aplicando unha linguaxe poética e metafórica. O seu traballo, a emoción e a realidade atópanse, o estético e o mundano combínanse, e o tempo e a identidade xogan un papel protagonista. Sabela fala do que coñece e do que vive: o seu traballo responde directamente á contorna que a rodea e basease na experiencia persoal e nas emocións como detonantes ou puntos de partida.

Carmen Quintáns (Oleiros, 1994)

Graduada en Belas Artes (Universidad de Vigo) e Máster Universitario en Investigación en Arte e Creación (Universidad Complutense de Madrid). Artista multidisciplinar e diseñadora. En 2019 recibe o primeiro premio de la II Edición Premio Talento Artístico Ahorro Corporación Financiera en Madrid. Participou en diversas exposicións como “¿Qué nos hace humanos? (What makes us humans?)” Sesnon Art” Gallery (CA, US) (2021), “Leña Verde” Museo Etnolóxico, Ribadavia (ES) (2020) ou “Morriña” Banca Ética, Brescia (IT) (2019). Tamén participa en xornadas como o X Encontro de Artistas Novos, EAN10. Cidade da Cultura, Santiago de Compostela (2020) ou a I Jornada Internacional en Arte Sostenible, JIAS (2020). Na actualidade, as súas liñas de investigación céntranse na gráfica e a pintura contemporánea; buscando novas olladas cara os paisaxes que nos rodean e cos que nos relacionamos; enfocando normalmente e de maneira inevitable o norte de Galiza.

Noa Costas (Nigrán, 1999)

Tomou a decisión de estudar Belas Artes e agora enfróntase ás consecuencias. Está desencantada co sistema académico e con todo; inda así intenta estudar un máster nun sitio moi frío e moi lonxe. Está agobiada, é alérxica a algunhas flores e gosta dos gatiños.

Programación trimestral

As 7 e 7 é un dos proxectos centrais na programación da Rede Museística Provincial de Lugo – Museo Provincial de Lugo, Museo Pazo de Tor, Museo Fortaleza San Paio de Narla e Museo do Mar de San Cibrao – durante o primeiro semestre do ano, que inclúe tamén as mostras “Origen”, de Glorianna Ximendaz, XI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, e “Da forma ao concepto” de Ana María Marín.

Ademais, coincidindo co inicio do ano, a Rede Museística lanzaou un boletín informativo, que inclúe as novas e a programación relativa aos museos. As persoas interesadas en recibilo poden inscribirse na plataforma www.comunidadermpl.es.

  • 1 de febreiro.- “Da Forma ao Concepto: unha procura que conduce do Realismo á Abstracción”, Ana María Marín. Museo Provincial de Lugo
  • 2 de febreiro.- “Origen”. Glorianna Ximendaz. XI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Sala Exposicións da Deputación
  • 2 de febreiro.- No marco da exposición “Da Forma ao Concepto: unha procura que conduce do Realismo á Abstracción”, a artista Ana María Marín levará a cabo un obradoiro sobre escultura táctil dirixido a persoas invidentes. Museo Provincial de Lugo.
  • 5-28 de febreiro.- Obradoiro “Patrimonio e Recursos de Museos para comprender a desigualdade e as narrativas alternativas”. Dentro do Proxecto Proba Concepto.
  • 8 de febreiro.-”Eu son. Memoria das rapadas”. Art al Quadrat, Gema y Mònica del Rey Jordà. Museo Provincial de Lugo
  • 8 de febreiro.- Cine-debate, “Sacar á luz. A memoria das Rapadas” (documental), coa presenza das autoras Gema e Mónica del Rey (Art al Quadrat). Museo Provincial de Lugo
  • 8 de febreiro.- “Notas no latido do unánime e cego”. Carla Andrade. Museo Provincial de Lugo
  • 23 de febreiro.- Diálogo de saberes compartidos arredor de Rosalía. Museo Provincial de Lugo
  • 29 de febreiro.- “As 7 e 7”. Andrea Otero/ Noa Costas Martín/ Christina Chiarroni/ Carmen Quintáns/ Sabela Eiriz/ Greta Debelius/ Noa e Lara Castro Lema. O 7 e o 20 de marzo realizaranse visitas guiadas. Museo Provincial de Lugo.
  • 5 de marzo.- Obradoiro “Vendo como ver”. Museo Provincial de Lugo.
  • 7 de marzo.- Mesa redonda “As Mulleres na arte – Retos e dificultades”. Museo Provincial de Lugo.
  • 8 de marzo.- Encontros de saberes compartidos “A natureza dos procedementos”. Con Ledicia Bellón e Carmen Porteiro no Museo Provincial de Lugo
  • 14 de marzo.- Obradoiro “Vexo, vexo, o que ves”. Museo Provincial de Lugo.
  • 20 de marzo.- Encontros de saberes compartidos arredor de Asorey.
  • 23 de marzo.- Encontros de saberes compartidos arredor do Movemento, o Son e o Tempo.

Visitas

Os catro museos xestionados pola Vicepresidencia da Deputación contan cun programa de visitas guiadas gratuítas. O Museo Provincial de Lugo conta con esta proposta de martes a sábado ás 17 horas, mentres que no Museo fortaleza San Paio de Narla realízase de martes a domingo ás 11 horas. Os espazos de Monforte e Cervo poden coñecerse concertando cita previa. Tamén se mantén o programa Ioga e Arte, no centro de Lugo, os martes e xoves de 11 a 12.30 horas e os venres de 18.30 a 20 horas.