Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Asoporcel inicia un proxecto de etiquetado de produtos derivados do Porco Celta

Por 12 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) celebrou no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a reunión de presentación do grupo operativo AsopQRcel, destinado á rastrexabilidade dixital certificada por blockchain na cadea produtiva da raza autóctona Porco Celta.

O proxecto desenvolverase durante os próximos tres anos e poñerá o foco en desenvolver un sistema de rastrexabilidade certificado que permita garantir ao consumidor, non só a calidade e autenticidade do produto, senón tamén achegar información sobre o impacto ambiental e o benestar animal na súa produción.

“Temos o convencemento de que, a través desta iniciativa, poderemos engadir un maior valor ao produto, ademais de marcar diferenciación respecto a os competidores e conseguir un mellor posicionamento no mercado”, enumeraron os portavoces da asociación. Todos estes son, sen dúbida, puntos clave para retroalimentar iniciativas de recuperación e posta en valor de terras en desuso, así como de asentamento e inicio de actividade económica de xente nova nas zonas rurais máis desfavorecidas, tarefas que Asoporcel destaca como esenciais para a revitalización do rural galego.

Forman parte do consorcio, xunto con Asoporcel, a cooperativa Tres Fuciños, o Instituto de Biodiversidade Agraria e de Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela, Innogando e a Fundación Terreo. Así mesmo, contarán co apoio da consultora Medrar, da empresa de comunicación Transmedia e dos especialistas en desenvolvemento de software Pyramis.

A iniciativa bota a andar ao amparo das axudas convocadas pola Agacal no ano 2023 para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027.