Skip to main content
Mondoñedo

Autorizada a ampliación de prazas na residencia San Rafael de Mondoñedo

Por 30 Marzo, 2021Sin comentarios

A Xunta de Galicia, a través da consellería de Política Social, autoriza a modificación necesaria para a ampliación de prazas na residencia San Rafael de Mondoñedo. Este trámite xorde logo de que a Asociación Edad Dorada Mensajeros de La Paz Castilla La Mancha y Galicia presentase unha solicitude de autorización e modificación substancial do centro, consistente no acondicionamento dos espazos do inmoble pendentes de reforma dende a fase I. A ampliación supón un aumento de 32 prazas residenciais para acadar unha capacidade de 47, máis 3 de enfermaría.

Dende o goberno local agradecen á entidade xestora a súa aposta por Mondoñedo, pois “creamos un servizo moi necesario, a través do que prestaremos atención a aquelas persoas que teñen dificultades para vivir soas”. “Este é un colectivo que merece toda a consideración e protección. E non só, engaden, dende o punto de vista meramente asistencial, senón coa activación de medidas tendentes a garantir unha vellez digna e activa, física e mentalmente”.

Distribución do centro

O centro da terceira idade atópase situado na rúa José María Pardo Montenegro e está destinada a persoas maiores dependentes. Dispón de dous edificios con planta semisoto, baixa primeira e segunda. A distribución é a seguinte: planta baixa (Edificio Moderno): 2 dormitorios dobres; planta primeira (Edificio Moderno): 7 dormitorios dobres; planta primeira (Edificio Vello): 6 dormitorios dobres máis 4 individuais; e planta segunda (Edificio Moderno): 6 dormitorios dobres e 1 individual.

O centro conta, ademais, co servizo de enfermaría, que se atopa na planta baixa do Edificio Moderno e que dispón dun dormitorio dobre e outro de illamento.