Skip to main content
Lugo

Ave, Lugo! Ave, Arde Lvcvs!

Por 5 Xuño, 2022Sin comentarios

Un paseo atrás no tempo, a maxia de darlle a man ás nosas raíces, descubrir outra realidade ou formar parte da historia. Todo iso é Arde Lvcvs. E é que máis aló da festa, o Arde Lvcvs xa é unha forma de ver Lugo dende outra perspectiva: a da historia.

Durante catro días, senón máis, a cidade de Lugo voltará unha ollada atrás no tempo para revivir a convivencia entre as tropas romanas lideradas por Paulo Fabio Máximo e as tribos castrexas que ocupaban o territorio do que, máis tarde, se coñecería como Lucus Augusti.

A historia, rodeada de maxia como moitas outras, conta como os castrexos, inferiores en formación militar, chegaron a un acordo cos romanos para compartir as terras nas que vivían. Máis de 400 actividades, en distintas ubicacións da cidade, darán boa conta da relación entre dous pobos, así como do día a día habitual de cada un deles.

Comeza, así, a verdadeira conta atrás para unha das edicións máis agardadas logo da volta á normalidade, tras dous anos de restricións pola pandemia e que todos os seus protagonistas pronostican que será un éxito.

Un éxito que se podería completar se o Arde Lvcvs acadara este ano o título de Festa de Interese Turístico Internacional. Un feito que, na presentación do programa, a rexedora non se esqueceu de recordar “estamos nunha etapa moi ilusionante porque queremos acadar o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional, para o que focalizamos os esforzos nos últimos dous anos, de xeito que, nesta edición, ademais de recuperar todo o seu esplendor consigamos dar ese paso último para poñer esta cita no mapa internacional”.

É por iso, precisamente que o Arde Lvcvs, contou este ano con historiadores que comprobaron o rigor histórico das actividades programadas por romanos e castrexos.

Noutro senso, a rexedora destacou o alcance social, turístico e económico da festa de recreación histórica. “O Arde Lvcvs é un magnífico escaparate de cara a promoción turística de Lugo, trátase dun motor imprescindible para axudar ao desenvolvemento da nosa cidade e para que cada vez máis xente nos coñeza e nos visite”, apuntou.

Animación de rúas, obradoiros para nenos e adultos, vodas celtas, recreación de loitas, desfiles, circo e un amplo etcétera. Unhas cen actividades diarias que encherán as rúas de Lugo grazas ás 19 asociacións de recreación histórica da cidade “parte indispensable da cita”.

E que si, certo é, que o Arde Lvcvs, sen as asociacións non sería o mesmo. Algunhas, xa veteranas, lembran como foi crecendo a festa, que empezou sendo, pouco máis que un mercado e un concurso de caracterización. E que hoxe, 20 anos despois, xa é unha das citas máis importantes da cidade.

Este ano, son moitas as novidades que propios e estraños van atopar no programa da festa. A máis chamativa é a proposta do Concello dun espectáculo de realidade aumentada en 5D que albergará a Mosqueira. Baixo o nome de Tempvs de Lvcvs Avgvsti, tematizarán en tempo real a época de esplendor de Lugo no século I, recreando a muralla romana na súa altura orixinal. Ademais, veranse romanos paseando no adarve, permitindo aos espectadores integrarse na época, axudando a achegar a historia de Lugo a través das novas tecnoloxías.

Así mesmo, a Capela do Carme, acollerá por vez primeira unha obra de teatro, O rato da biblioteca, na que participarán todas as asociacións de teatro de Lugo.

Ademais, destacan os dous grandes concertos gratuítos, propostos polo Goberno local. O día 11, os escoceses Saor Patrol e o día 12 as Tanxugueiras amenizarán a praza de Santa María nunha edición que pasará á historia.

Unha das grandes citas terá lugar, na tarde do sábado co Circvs Romano na Explanada do Pavillón Municipal. Só se poderá acudir con entrada, en venta a través da páxina web www.entradaslugo.es. Tamén, como prato forte, está incluído na programación o desfile de colexios, o domingo 12 pola mañá, no que participaran preto de 3.000 nenos da cidade, de 19 colexios e as AMPAS. Así mesmo, A carreira Mvrvs Lvcis voltará o venres 10 a retar a romanos e castrexos polo adarve da Muralla, podendo inscribirse a través de www.formulario.xuventudelugo.gal.

En total, máis de 400 actividades propostas por concello e asociacións, que conseguirán que a cidade retroceda dous mil anos, nunha fin de semana.