Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Caxoto actúa este sábado na Casa Museo de Manuel María

Por 5 Marzo, 2024Sin comentarios

Caxoto, co seu espectáculo Grandes Éxitos (2004-2024), estará este próximo sábado, día 9 de marzo, ás 17 h, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O contador de Cervo celebra 20 anos enriba dos escenarios con este espectáculo de narración oral e musical dirixido para crianzas de entre 4 e 10 anos.

Durante todos estes anos o principal ingrediente do seu traballo foron os contos, mais as cantigas tradicionais, os xogos musicados, os instrumentos peculiares… tamén fixeron parte dos seus espectáculos. Caxoto xunta, agora, todo, nun amplo repertorio musical que vai desde o jazz chairego de Manuel María, á bossa nova mariñeira, pasando pola rica tradición musical e as cantigas infantís de toda a vida. E todo co mellor acompañamento musical posíbel: gaita, pandeireta, ukelele, whistle, acordeón, birimbao, xilófono… Por tanto, o sábado celebrará este aniversario de vivir do conto cunha selección de todos eses contos, cancións e xogos nos seus Grandes Éxitos.