Skip to main content
As Pontes

Cita coa Historia convoca o concurso de caracterización

Por 9 Setembro, 2022Sin comentarios

Tras dous anos sen celebración pola pandemia de covid, durante a fin de semana, do 23 ao 25 de setembro, o municipio das Pontes retrocederá no tempo para celebrar a sétima edición da súa Cita coa Historia, organizada pola Asociación Lembranza da Vila en colaboración co Concello, na que a vila viaxará ao pasado e revivirá a súa historia.

A asociación convocou xa o tradicional concurso de caracterización no que poderán participar aquelas persoas caracterizadas con vestimentas que xiren en torno ao mundo galaico-romano, podendo participar con indumentarias exclusivamente galaicas ou romanas.

Para poder participar no concurso será necesario fotografarse no photocall instalado para esa finalidade diante do Museo Etnográfico Monte Caxado, na Praza da Igrexa os días 24 e 25 de setembro. O sábado 24 o horario será de 12:00 a 14:00 horas na mañá, e de 17:00 a 20:00 horas na tarde. O domingo 25 será de 12:00 a 14:00 horas.

Establécense 5 categorías con cadanseu premio para os participantes gañadores, que serán individual infantil xuvenil (menores de 18 anos), que recibirá un vale de compra no comercio e na hostalería local valorado en 50 euros. A parella da mesma categoría recibirá un vale de 100 euros. En adulto hai tamén dúas categorías, individual (1 vale de 50 euros de premio) e parella (vale de compra valorado en 100 euros). Establécese unha quinta categoría, de grupo, no que poden participar persoas de todas as idades, que terán de premio un vale de compra no comercio e hostalería local valorado en 200 euros. As parellas mixtas de idade serán valoradas dentro da categoría grupo.

O xurado reunirase o domingo 25 de setembro para ditaminar os participantes gañadores en base aos materiais empregados na confección da vestimenta, a adaptación histórica da vestimenta á época galaico-romana e a confección e deseño de complementos.

O xurado estará integrado por Vicente Roca (concelleiro de Cultura), Soledad Pico (da asociación Lembranza da Vila), Lois Gómez (arqueólogo e técnico de xestión cultural), Lita Paz (Zokos zapatería) e Hugo López (fotógrafo). A entrega de premios realizarase o domingo 25 de setembro ás 19:30 horas no photocall instalado na Praza da Igrexa.

Esta nova cita acollerá unha grande diversidade de actividades, pensadas para toda a veciñanza, que arrancarán, o vernes e que se darán a coñecer ao longo deste mes pero que estarán vinculadas a espectáculos de todo tipo para reflectir o pasado da vila con mercado, pirotecnica, música e concurso de caracterización, entre outras.