Skip to main content
Lugo

COGAVE amosa en Lugo o seu rexeitamento aos “abusos” da banca

Por 22 Xuño, 2022Sin comentarios

A Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE) Rosalía de Castro, vén de manifestar o seu rexeitamento diante dos abusos que, na súa opinión, están a exercer as entidades bancarias sobre a cidadanía, en especial, cara os sectores máis vulnerables da poboación.

Así dende o colectivo veciñal con sede en Lugo, consideran que os clientes das sucursais bancarias deberían ser atendidos por persoas, traballadores da entidade bancaria correspondente. Por iso, reclaman aos poderes públicos estatais e autonómicos que paralicen o peche d sucursais e a súa permuta por caixeiros automáticos.

Ademais, piden que non se limite o horario de atención ao público en portelo; ou que fagan o posible por eliminar as comisións que tildan de “abusivas”.

Así, a Cogave oponse a que se siga producindo unha “deshumanización no trato e na atención ás persoas”. Tampouco admiten que se obrigue a persoas de avanzada idade e con escasos coñecementos tecnolóxicos a utilizar a banca electrónica cando, segundo denucnian, “non dispoñen dos dispositivos necesarios nin tampouco dunha conexión a internet mínimamente eficiente”.

A principal petición do colectivo, ademais das xa relatadas con anterioridade, é que o Goberno estatal esixa ás entidades bancarias a devolución do diñeiro público recibido no seu momento, a modo de rescate.

Dende a confederación lembran que estas mesmas reclamacións xa llas fixeron chegar ás diferentes institucións e responsables directos, o pasado mes de outubro sen obter resposta algunha. “Razón que non só non nos desmoraliza senón que nos anima a defender os dereitos dunha cidadanía cada vez máis acorralada”, din.

“Dende a COGAVE non imos mirar cara outro lado, non o fixemos nunca, e incrementaremos, se cabe, a nosa protesta ata que sexa escoitada e tida en conta polos responsables que a motivan, a quen volvemos a remitir, unha vez máis, as queixas, nun intento obstinado pero firme de que asuman a competencia que lles corresponde e o fagan dende a responsabilidade”.

Con isto, o colectivo explica que se as institucións fan caso omiso a este novo intento, intensificarán a súa protesta en defensa dos dereitos da cidadanía.