Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAAMARIÑAXA

Cousas de Raíces propón a deseucaliptización no Día Mundial dos Bosques

Por 21 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A rede a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, propón celebrar o Día Mundial dos Bosques cunha Deseucaliptización Simultánea por toda Galiza. Esta plataforma, conformada por máis de 60 entidades, convida a centros educativos, colectivos, asociacións, plataformas e particulares a promover iniciativas de eliminación de eucaliptos e doutras plantas invasoras dos montes galegos durante a vindeira semana, con motivo do Día Internacional dos Bosques. Todas aquelas persoas ou entidades que teñan previsto realizar unha actividade de deseucaliptización ou eliminación de eucaliptos en calquera punto do país, poderán sumarse a esta iniciativa, enviando os datos que se requiren a continuación, antes do mércores, 20 de marzo.
Hoxe, xoves, 21 de marzo, é o Día Mundial Forestal ou dos Bosques, declarado así pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para homenaxear a importancia de todos os tipos de bosque e intentar xerar conciencia aos respecto, no plano individual e colectivo, instando tamén ás administracións públicas a promover iniciativas que favorezan, protexan e respalden os bosques. Estes achegan á sociedade múltiples beneficios: mitigan o cambio climático, reteñen carbono, favorecen a provisión de auga, xean biodiversidade e paisaxe, son fundamentais para a conservación da natureza, ofrecen oportunidades para o desenvolvemento económico e son fundamentais para a vida.
O lema escollido este ano polas Nacións Unidas para celebrar o Día Mundial Forestal é Aprende a amar o bosque, mais consideramos que o primeiro será distinguir o que é un bosque do que non o é. Mentres que un “bosque” é un ecosistema natural complexo, dominado por especies arbóreas e a súa vexetación acompañante, no que habitan animais, fungos e microorganismos entre os que se establecen interrelacións perdurables no tempo; unha “plantación forestal” é un conxunto de árbores normalmente uniformes que se plantan unicamente polo seu interese comercial, e que adoita estar formado por especies alóctonas que non establecen interrelacións perdurables coas especies autóctonas. As plantacións de especies alóctonas (nomeadamente, as invasoras e dominantes) causan un forte impacto negativo sobre as especies forestais propias, o solo, os cauces fluviais, a biodiversidade e contribúen a favorecer os incendios forestais. É caso das superficies ocupadas co xénero Eucalytus, que a día de hoxe xa supera as 500.000 hectáreas, o que representa o 17% do total da superficie galega.
A rede Cousa de Raíces convida a centros educativos, colectivos, asociacións, plataformas e particulares a celebrar o vindeiro Día Mundial dos Bosques promovendo nas súas áreas de influencia iniciativas de eliminación de eucaliptos e doutras plantas invasoras. Para favorecer o carácter simultáneo das accións, proponse que estas se leven a cabo no día propio da efeméride, o 21 de marzo, ou na fin de semana do 23 e 24 de marzo