Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXALáncaraMonforteRiotorto AMARIÑAXA

Criadores da comarca reciben premios nos concursos de razas autóctonas de Galicia

Por 13 Xuño, 2022Sin comentarios

A 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia foi este ano de novo marco de dez concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, os cales estiveron organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel). Os criadores da Terra Chá recibiron unha gran parte das distincións.

En canto aos concursos das bovinas, participaron 28 exemplares de 10 ganderías en cinco concursos morfolóxicos. No IX da Raza Cachena o primeiro posto foi para Solfa, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña), o segundo para Soralia, de Gonzalo Seoane, de Vilalba e o terceiro para Paprika, de Jordi Ánguez, de Triacastela. No VIII da Vianesa o primeiro posto foi para Vitureira, o segundo para Vaselina e o terceiro para Deva, todos exemplares pertencentes a Gandería Martelo, de Outes (A Coruña).

En canto ao VII de Caldelá, gañou Colosa, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense), sendo o segundo posto para Cebada, de Alejandro Salvatierra, da Pontenova e o terceiro para Cantina, tamén de Juan Manuel Lage. No VI Concurso Morfolóxico da Limiá, a campioa foi Rubia, a subcampioa Larxa e a terceira Lágrima, todas elas propiedade de Jesús Pardal, de Rois (A Coruña). Xa no IV da Frieiresa o pódium estivo composto por Fábula, Festa e Freba, as tres de Gandería Armental, de Begonte.

En canto á Galiña de Mos, tivo lugar o 13º Campionato Galego, no que participaron 20 criadores. Na súa sección por lotes, o gañador foi un exemplar de Luís Fernández, de Riotorto, seguido dun de Sandra López, de Láncara  e doutro de José Luis Freire, de Pol.

De forma individual, con 43 animais participantes, en galos venceu un exemplar de Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra), sendo o segundo posto para José Luis Freire, de Pol e o terceiro para Mª Carmen Fernández, de Betanzos (A Coruña). En galiñas, o podium foi, de primeira a terceira, para exemplares de Luís Fernández (Riotorto), Alejandro Collazo, de Mos e Óscar Rodríguez, tamén de Mos

As razas Ovella Galega e Cabra Galega celebraron a segunda edición da súa competición. En canto ao da Ovella Galega, no que participaron 23 reprodutores, na sección de machos gañou unha exemplar propiedade de Ovidio Rojo, de Monterroso. O segundo posto foi para un macho de Francisco Manuel Penabad, de Ortigueira (A Coruña) e o terceiro para un de Luís Fernández, de Riotorto. En femias o primeiro e terceiro posto foron para un animal de Xoán González, de Vilariño de Conso (Ourense) e o segundo para un de Luís Fernández, de Riotorto.

Respecto ao de Cabra Galega, ao que concorreron 11 animais, os premios repartíronse entre dúas exemplares propiedade de Ovidio Rojo, de Monterroso, que conseguiron os primeiros postos tanto en machos como en femias, dúas de Jaime Fernández. de Cerdido (A Coruña), que quedaron segundo en machos e terceiro en femias, un macho de María Teresa Fernández, de Santiago de Compostela que quedou en terceiro posto e unha femia de Dolores García, de Toques (A Coruña), que quedou en segundo posto.

Porco Celta

En canto ao IV Concurso Morfolóxico do Porco Celta, organizado por Asoporcel, contou coa participación de máis de 50 exemplares pertencentes a 27 ganderías. Na categoría de machos venceu un animal de César Roo, de Vilagarcía (Pontevedra), seguido dunha exemplar propiedade de Sonia Ponte, de Negreira (A Coruña) e outro de Granxas de Lousada, de Irixioa (A Coruña). En femias a gañadora foi unha porca de Saúl Rouco, de Vilalba, seguido dun animal de Fernando Calviño, de Vila de Cruces (Pontevedra) e outro de Magdalena Caride, de Vilamarín (Ourense).

En canto a recría, o vencedor foi un exemplar de Isabel González, de Maside (Ourense), ao que seguiu un de Laura Sánchez, de Oza-Cesuras (A Coruña) e doutro pertencente a Ramón Vázquez, de Monforte.

O Porco Celta celebrará tamén o domingo o seu III Concurso de Manexo, o cal consiste en dirixir un exemplar por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo.