Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Daniel Vega aposta por rehabilitar os locais que hai nas parroquias de Ribadeo

Por 17 Abril, 2019Sin comentarios

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, aposta por rehabilitar os locais que hai nas diferentes parroquias do municipio. Pon como exemplo as melloras xa realizadas na Devesa, na Rochela e en Couxela e as que se farán en Arante, Covelas e Folgosa, actuacións que xestionou desde o seu posto de deputado autonómico.

“Desde o Partido Popular seguimos propoñendo porque queremos facer o mellor Ribadeo e nesta ocasión centrámonos nos locais das distintas parroquias, que queremos rehabilitar, conservar e nutrilos de actividades. Pero isto non é unha promesa electoral senón un feito que xa se pode constatar. Eu, como deputado, fixen xestións para rehabilitar distintos locais, como por exemplo o da Devesa que todos coñecemos como Círculo Habanero, cun orzamento de 11.000 euros para arranxar as xanelas do edificio central e todo o edificio dunha das escolas que hai detrás. Creo que é moi importante apostar por conservar un patrimonio que temos en Ribadeo como é o legado indiano polo que tamén imos recuperar a biblioteca indiana, o que demostra que hai unha aposta decidida pola cultura e polo patrimonio do rural. Na escola da Rochela tamén rehabilitamos as xanelas cun orzamento de 6.050 euros e no teleclub de Couxela investíronse 5.000 euros”, explicou Daniel Vega.

O alcaldable do PP en Ribadeo engadiu que “isto é unha aposta decidida, algo que xa se fixo e que se pode acreditar. E estamos negociando tamén a rehabilitación do teleclub de Arante, da escola de Covelas e a construción dun local social para os veciños de Folgosa. Isto é traballar e ten como consecuencia que o poderán gozar todos os veciños nutrindo de actividades ás parroquias, con ximnasia, con actos culturais como teatro, presentación de libros, cursos, conferencias de saúde e de cociña, que nos demandan moito os veciños”.