Skip to main content
Lugo

Descontento ante o peche do edifico do vicerreitorado na praza Pio XII

Por 16 Novembro, 2022Novembro 17th, 2022Sin comentarios

Tras o peche do edificio do vicerreitorado na praza Pío XII por parte da USC a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, vén de solicitar unha xuntanza co vicerreitor do Campus de Lugo de cara a “explorar as distintas vías que permitan manter o edificio do vicerreitorado da praza Pío XII con actividade”. A concelleira de Cultura afirmou que “este edificio é un emprazamento privilexiado para a USC, cuxa rehabilitación requeriu dun importante investimento para as administracións implicadas, e non pode ser relegado só a acoller actividades institucionais”.

Maite Ferreiro defendeu que as instalacións da USC no centro “é un exemplo a seguir para recuperación do casco histórico, ás portas do barrio máis antigo de Lugo, a Tinería, que sigue agardando a que se complete a súa rehabilitación”, e engadiu “estas instalacións son un exemplo da unión vinculación do Campus de Lugo coa cidade, un campus cuxos proxectos son moi importantes para a economía de Lugo e de toda a Galiza interior”.

“O casco histórico non pode perder esta instalación”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “o peche do vicerreitorado únese ás reduccións de horarios dos últimos meses afectaron enormemente a unha programación cultural que estaba plenamente consolidada no calendario da cidade”. A edil de Cultura afirmou que “desde as distintas institucións traballaremos para que a USC continúe a utilizar e promocionar esta instalación”.

Dende o PP tamén mostran o seu descontento, así o fixo saber o voceiro dos populares lucenses que declara que  “esta decisión é perxudicial e supón un varapau para o casco histórico” insistindo en que “deben ser as institucións as que teñen que dar exemplo: se as institucións abandonan edificios no recinto amurallado como se vai pedir a particulares esforzos en conservación de inmobles da súa propiedade”.

Os populares anuncian que van presentar unha iniciativa no pleno cun único punto de acordo que é “instar ao vicerrector do Campus de Lugo, como responsable da USC, a que reconsidere o traslado dos servicios administrativos e manteña a actividade administrativa no edificio da Casa do Saber situado na Praza Pío XII”.