Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAFriol TERRACHÁXA

Desenvolvemento Rural organiza en Friol un obradoiro de alimentación ecolóxica

Por 24 Agosto, 2020Sin comentarios

A Asociación para o Desenvolvemento Rural (ADR) da Comarca de Lugo organiza un obradoiro sobre alimentos agroecolóxicos sans e de proximidade no Centro Biocárnico Traloagro, en Friol, que terá lugar entre o vindeiro luns 31 de agosto e o venres 4 de setembro. Con cargo ao programa Leader, a iniciativa está dirixida a concellos rurais, produtores en ecolóxico, promotores de novas formas de consumo, persoas interesadas no emprendemento cooperativo ou, máis en particular, na temática do obradoiro.

Así, en cinco sesións presenciais que se desenvolverán en horario de tarde analizaranse as novas posibilidades que ofrecen os alimentos ecolóxicos e os procedentes da economía social e solidaria, así como as súas tendencias no mercado, a través da economía colaborativa ou doutras canles alternativas de comercialización.

Deste xeito, reflexionarase sobre a importancia que teñen para os consumidores non só as propiedades e características propias destes alimentos, senón tamén aspectos como a maneira de producir, o lugar de orixe destes produtos, o emprego de materiais renovables nas súas embalaxes, o seu transporte ou a repartición de beneficios entre os distintos protagonistas da cadea alimentaria.

Ademais de acoller sesións prácticas sobre as conservas e licores caseiros, plantas ou infusións, o obradoiro centrarase en cuestións como a certificación ecolóxica dos distintos produtos ou as liñas de axuda existentes para a diversificación agroalimentaria no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) galego e para a certificación forestal no marco ecolóxico. Así mesmo, presentarase a Rede Eusumo, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Os interesados en participar na iniciativa poderán anotarse de balde poñéndose en contacto coa Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Lugo, a través dos teléfonos 982 23 80 00 e 679 73 21 63 ou mediante o enderezo electrónico info@comarcadelugo.gal.

Constituída como Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), a ADR Comarca de Lugo é o axente encargado de xestionar os fondos Leader na súa área de influencia, xunto coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural. Así, a súa vocación é promover todo tipo de proxectos para potenciar e fomentar o desenvolvemento rural da comarca lucense.