Skip to main content
Axenda Caducada

Entidades da Terra Chá convocan un acto reivindicativo ante Caldaloba

Por 19 Maio, 2021Maio 22nd, 2021Sin comentarios

Coa lenda Recuperarmos o noso patrimonio. Recuperarmos a nosa historia, dezanove entidades da Terra Chá e concellos limítrofes convocan para este sábado, día 22 de maio, un acto reivindicativo, diante da Torre de Caldaloba, para esixiren da administración galega que faga efectivas de inmediato as medidas que periodicamente vén prometendo para que o castelo de Vilaxoán ou Caldaloba pase a ser propiedade pública e leve a cabo a súa recuperación e posta en valor.

O acto, aberto á participación da cidadanía, dará comezo ás 11.30 horas coas intervencións de Orlando Viveiro, divulgador do patrimonio da Terra Chá, que lembrará o importante patrimonio cultural e artístico presente na Terra Chá e as accións impulsadas polas Brigadas Chairegas hai vinte anos ao redor de Caldaloba, e o mindoniense Antón Meilán, profesor emérito da Universidá d’Uviéu, que ten realizado estudos sobre os feitos históricos acaecidos na torre e, particularmente, sobre os feitos e a contextualización do sucedido en Caldaloba entre 1483-1485, con Constanza de Castro (filla do Mariscal Pardo de Cela) e Fernán Ares de Saavedra como protagonistas, e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza. O grupo Caivanca acompañará musicalmente o acto.

As entidades (Castiñeiro Milenario (Begonte); Xotramu (Muimenta); Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz); Fundación Manuel María de Estudos Galegos; Instituto de Estudios Chairegos (Iescha) (Vilalba); Asociación de Amigos do Castro de Viladonga; Clube Cultural Valle-Inclán (Lugo); Centro Social Madia Leva (Lugo); AC Cultura do País (Lugo); Asociación veciñal de Cabreiros (Xermade) AC Os Vilares. Lareira de Soños (Os Vilares, Guitiriz); Irmandade Manuel María da Terra Chá; Nova Poesía Guitirica (Guitiriz); AC Poeta Avelino Díaz (Meira); AC Lugo Patrimonio (Lugo); Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde; AC PolKA (Pol); AC e CS A Chave das Noces (Montecubeiro-Castroverde); e AC Chimchiribote (Pol) veñen de emitiren o pasado 7 de maio un comunicado en que ante o estado de abandono absoluto en que se encontra esta edificación, que ten a consideración de BIC desde 1985, exixen das administracións recuperar o castelo de Caldaloba do proceso de deterioro e ruína e garantir a súa conservación co obxectivo da súa posta en valor para descubrir e afondar no coñecemento histórico e no patrimonio colectivo do pobo galego.