Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Experiencia, calidade, tradición e sabor… son Palabras Maiores, é a nova campaña de Merluza D& Burela fóra de Galicia

Por 11 Xuño, 2023Sin comentarios

Despois do éxito das últimas accións levadas a cabo o ano pasado, a  Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela repite Castela e  León como localización para o lanzamento da nova campaña publicitaria da súa  marca “Merluza D& Burela”.

Nesta ocasión a estratexia pon o foco no público sénior, con máis experiencia e  consumidor habitual de peixe, fuxindo de marcados estereotipos onde a  sociedade parece estar só representada polos mozos.

Mais pola contra, o público máis adulto é o core target tradicional de consumo de  peixe de fresco, e tamén o que máis seguiu comprándoo a pesar da escala de  prezos e a inflación. É tamén o grupo de poboación que máis sabe o que quere e  máis se merece seguir gozando das súas ganas de vivir e dun produto de  primeira como a pescada de Burela, do pincho e de calidade. “Son un faro para  as demais xeracións e comparten moitos valores coa nosa marca”, aseguran  desde a OPP-7.

Merluza D& Burela busca a complicidade dos séniores facéndoos protagonistas  dunha campaña para consolidarse fóra de Galicia cun produto de calidade e cheo  de sabor, capturado peza a peza con artes de pesca selectiva: “Os que temos  máis experiencia apreciamos o que queremos, somos esixentes e mantemos  sempre a frescura”, menciónase na campaña.

Dentro do plan de expansión da marca, a campaña terá especial presenza en  Castela e León, con publicidade exterior, radio e internet nunha das comunidades  con maior consumo de peixe fresco, e que ademais é un mercado estratéxico  pola proximidade xeográfica con Galicia.Esta campaña da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela  inclúese no seu plan de produción e comercialización, realízase en colaboración  con Armadores de Burela e está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA.