Skip to main content
A PastorizaAbadínComarca TERRACHÁXA

Fonmiñá acollerá en maio unha festa da poesía dedicada a Aquilino Iglesia Alvariño

Por 6 Marzo, 2023Marzo 7th, 2023Sin comentarios

Fonmiñá acollerá unha festa da poesía en próximas datas. Así o están organizando en común acordo os concellos da Pastoriza e de Abadín, co obxectivo de revalorizar a figura do poeta Aquilino Iglesia Alvariño, natural da parroquia abadinesa de Seivane de Vilarente.

Xunto aos alcaldes destes dous concellos, Primitivo Iglesias e José María López Rancaño, forman parte da organización do evento Mero Iglesias, Xulio Xiz, Alfonso Blanco e Fernando Villapol, ademais do edil pastoricense Tino Fernández.

As referencias deste poeta ao río Miño e á Pastoriza están visibles en toda a súa obra por iso escolleron a este poeta para ser homenaxeado, unha proposta cultural que se lle quere dar continuidade. De feito, están pensando en continuar coa figura de Antonio Noriega Varela para a segunda edición.

A data escollida para este evento estará dentro do mes de maio, para facela coincidir coa visita a España de Xaime Iglesia Ferreiro, fillo de Aquilino afincado en Alemaña, e co que xa se mantiveron contactos tamén para abordar a posibilidade de editar as obras completas do autor de cara ao 2024.

O programa de actos desta primeira festa poética, a falta de concretarse, contará con actuacións musicais, recitais poéticos e un xantar de irmandade.

Tamén teñen prevista unha figura conmemorativa, inspirada na estatua do Neptuno que deseñou Fernando Villapol para Fonmiñá en 2020. Farase unha réplica desta, duns 25 centímetros, en cerámica que servirá como agasallo.