Skip to main content
Folgoso do CourelLugo

Gaiteiros Galegos celebra unha xornada sobre a ‘Carballesa’ no Courel

Por 29 Abril, 2023Sin comentarios

A AGG, xunto co Concello de Folgoso do Courel e a área de Cultura da Deputación de Lugo, organizan o este domingo 30 de abril, unha xornada sobre a Carballesa, que terá lugar en Seceda do Courel.

Esta idea xurdiu para intentar que non esvaeza unha das riquezas culturais que hai na zona oeste do concello de Folgoso do Courel. Neste recuncho do concello, nas parroquias de Eiriz, do Carballal, de Seceda e no veciño Val do Incio, tocábase e bailábase unha muiñeira característica que se chama Carballesa.

“Sentimos que temos a obriga, en honor a gratitude a todos eles, de loitar por conservar o noso; e ademáis homenaxear e lembrar aos nosos antecesores e as súas ensinanzas”, din dende o colectivo.

“E queremos facelo con esta xornada sobre a Carballesa, na que temos previsto realizar un Obradoiro teórico-práctico de Carballesa, que impartirá Xabier Iglesias, facer unha sentida homenaxe aos informantes, músicos e bailadors da zona, e facer posteriormente un baile aberto para todos os e as asistentes, coa participación do grupo de música tradicional Airiños da Freba, e rematar o día cunha foliada”, engaden.

Programa

  • 30 de abril de 2023 – Seceda do Courel
  • 11.30 horas – Obradoiro teórico práctico de Carballesa – imparte Xabier Iglesias. (prazas completas)
  • 13.30 horas – Xantar. ( Haberá unha cantina que ofrecerá xantar e bebidas a todas as persoas que estean interesadas).
  • 18.00 horas – Homenaxe a informantes, bailadores e músicos da zona.
  • 19.00 horas – Baile coa actuación do grupo de música tradicional Airiños da Freba.
  • Foliada.

A través de actividades como esta, o colectivo pretende non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, para contribuír e potenciar a divulgación da cultura e a súa conservación.

“Dende a AGG traballamos arreo para que a nosa cultura e as nosas tradicións non caian no esquecemento e sexan un patrimonio vivo do que sentirnos orgullosos”, conclúen.