Skip to main content
Sarria

Igualdade impulsará a mesa contra a violencia de xénero en Sarria

Por 21 Marzo, 2021Sin comentarios

A Secretaría Xeral de Igualdade informou ao colectivo feminista Mulleres de Raíz de Sarria de que se porá en contacto co Concello co fin de impulsar a reunión da  mesa local de coordinación contra a violencia de xénero.

Na súa comunicación, Igualdade valora “positivamente” a proposta feita polo colectivo de Sarria en canto á creación de “polo menos un servizo en Galicia” especializado na asistencia ás vítimas de delitos violentos, así como a creación de protocolos de seguridade contra as violencias sexuais en espazos de lecer.

De igual xeito, desde a Secretaría Xeral explican a Mulleres de Raíz que están a traballar para que sexa realidade “este mesmo ano” a asistencia xurídica gratuíta ás vítimas da violencia sexual, e lembraron que, de cara a intensificar as medidas de concienciación da problemática da violencia de xénero, existen programas e campañas autonómicas que están a disposición de calquera concello que o solicite.

A POLÉMICA

Mulleres de Raíz de Sarria denunciaba publicamente fai uns días que o Concello publicara nas súas redes sociais un vídeo para conmemorar o Día Internacional da Muller no que aparecía un encausado por violación, por uns feitos supostamente acontecidos na noite de San Xoán de 2020.

Ademais de solicitar a retirada do vídeo, o colectivo chegou a pedir a dimisión ou destitución da responsable da área de Muller do Concello.