Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Infancia en directo

Por 13 Agosto, 2019Sin comentarios

Por Lara Real Lema

Un día calquera, dous rapaciños británicos están nun sofá cando o máis pequeno colle a man do seu irmán maior e mórdelle con ansia un dedo. O pequeno roe con ganas e o rapaz maior empeza a chorar e berra “Charlie bit my finger” (Charlie mordeu o meu dedo). Esta secuencia que en principio non ten nada de especial e que podemos atopar case en calquera fogar onde convivan nenos pequenos é un dos clásicos de internet. ¿Como chegamos ao punto onde unha gravación doméstica convértese nun dos vídeos que acumula un maior número de visualizacións? Sinxelo, o seu pai quixo compartir este simpático momento cos seus familiares e considerou que o mellor xeito de facelo era subilo a YouTube, unha plataforma que no 2007 contaba con dous anos escasos de vida e que facilitaba o intercambio de vídeos, tarefa que case era imposible de facer por medios ordinarios (basta lembrar aqueles mensaxes de texto con número de caracteres limitado). Anos despois afirmou que a súa intención era borralo cando soubo que a súa familia xa o vira, pero cando ía a facelo, decatouse de que as visitas se dispararan, polo que preferiu deixalo para ver que pasaba. A xogada saíulle ¿ben? e logrou rentabilizar aqueles 57 segundos.

Esta secuencia ademais de ser unha das máis vistas da rede é considerada hoxe en día un dos primeiros “videos virais”, concepto que daquela non existía xa que falamos dun fenómeno recente e moi asociado as redes sociais que nese intre tiñan moito menos alcance, Facebook contaba cun ano e a Instagram aínda lle faltaban tres para aparecer.

Se alguén se pregunta que foi daqueles nenos, podo dicirlles que agora en lugar de dous irmáns son catro e que contan co seu propio canal onde podemos ver parte do seu día a día, tamén fixeron varias campañas de publicidade. Non lles vai mal. Harry e Charlie, que hoxe en día teñen 16 e 14 anos parecen estar dacordo co que fixeron os seus pais pero ¿qué pasaría se non o estiveran?

¿Estamos a vulnerar o dereito a intimidade dos menores compartindo este tipo de imaxes? Polo de agora os nenos que vemos por redes sociais aínda son pequenos para que poidamos ver as consecuencias que se deriven de todo isto. En España aínda non houbo ningunha demanda pero xa existe algún precedente en Canadá e a inmensa cantidade de fotos de bebes colgadas a diario nas redes sociais multiplica as posibilidades de que o número de denuncias sexa moito maior nun futuro non demasiado alonxado. Se o pensamos ben esta exposición é como abrir ao mundo ese álbum de fotos que recolle aqueles momentos da nosa infancia ou adolescencia que si, poden resultar moi graciosos, pero que non nós gustaría que vise todo o mundo.

Unha reflexión fina. Mais alá do debate acerca do perigo que supón non saber onde van a acabar esas fotos e vídeos compartidos debemos ter tamén en conta a información que ofrecemos, en moitos casos podemos saber o centro escolar ao que acoden os menores, a zona onde viven e as rutinas que seguen. A min, dende logo daríame medo.