Skip to main content

Por Pablo Veiga

Cando pensamos no agro galego, existen imaxes e estereotipos cos que xeralmente se identifica. Por un lado, a gandeiría, na que maioritariamente temos as granxas de vacún de leite e aquelas destinadas á produción de carne. Somos o país do millón de vacas, ou iso din. Xusto é recoñecer a importancia doutras variedades como a porcina e ovina, así como a avícola. Se pensamos na agricultura, na nosa bisbarra por suposto que está o millo destinado á alimentación dese gando, ou a pataca para o consumo humano. Tamén ten importancia a remolacha e os produtos de horta. Noutras latitudes de Galicia, os cultivos baixo invernadoiro, desde kiwis ata flores, supoñen un pulo considerable nas economías das zonas onde se traballan, sen esquecer o viño, claro está. Asemade, no noso campo cómpre referirnos ao sector forestal. Digamos que, sobre todo, no entorno máis próximo, sota, cabalo e rei. E poucas máis cartas enriba da mesa.

Pero por descontado, o rural de Galicia acredita doutras alternativas que ata o de agora foron minoritarias, pero que semellan cribles e con posibilidades de éxito. Aquí a un véñenlle en mente as granxas de visóns, por exemplo, ou outras máis exóticas como as de avestruces ou caracois. En cultivos, en localizacións moi concretas do País, temos na produción de aceite e de cereixas e outras froitas uns exemplos destacados, aínda que algún que outro ano os caprichos climatolóxicos xoguen malas pasadas. E aquí na Chaira, nos últimos anos, estamos vendo como se introduciron fórmulas intensivas como o cultivo de amorodos, arandeiras e ata as moras que saen nas silvas dos camiños, os froitos vermellos como se lles denomina, os berries, os cales ocupan ducias de hectáreas en municipios como Cospeito e Begonte. Un pequeno apunte, non entramos neste artigo no perfil dos traballadores que se contratan, de onde son as empresas e os seus promotores e outras circunstancias que rodean esta fórmula de produción, non exenta de certas polémicas. Pero tocará analizalo noutra ocasión.

E tamén sen saír do noso territorio, asistimos a iniciativas moi a ter en conta, como é o altramuz, unha planta que un debe recoñecer que na súa vida oíra falar dela. Pero si, tamén se está a cultivar aquí e ten destinos diversos, xa que se pode utilizar para consumo humano, como aperitivo, bebidas e batidos, así como na alimentación animal. A súa rendibilidade estímase nuns cinco centos euros por hectárea sementada, polo que pode ser unha alternativa a considerar nas nosas agras. Son este tipo de emprendementos no mundo rural galego que visualizan un futuro algo máis prometedor có actual. Sen desmerecer a gandería e agricultura típicas do lugar, ás que non se poden deixar de lado, deberiamos plantexarnos este tipo de opcións, así como outras máis que poden xerar unha riqueza engadida aos propietarios, diversificando o sector primario, o que contribuiría a dinamizar os nosos concellos. Abofé que aumentaría o atractivo para os que xa viven directamente do campo e para outros que poden ver un complemento ás súas economías como segunda actividade.