Skip to main content
Uncategorized @gl

Letras Galegas 2021: Xela Arias

Por 17 Maio, 2021Maio 20th, 2021Sin comentarios

A poeta que ía por diante do seu tempo e conectou coas xeracións do século XXI

Xela Arias Castaño naceu en Lugo o 4 de marzo de 1962 como María de los Ángeles, aínda que os seus pais inscribiron o seu nacemento en Sarria, e foi chamada Xela desde pequeniña. Para cando puido revatirlle a un xuíz que o seu nome privado e público era Xela, este autorizoulle o troco, e así pasou a ser Xela Arias, a escritora que todos coñecemos.

Foi unha poetisa, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario.

VIDA. Os seus pais foron Valentín Arias López e Amparo Castaño López. As terras das familias paterna e materna estaban nas parroquias de Maside, Ortoá e Meixente (lugares da Vilerma, Barreiros e Mouzós). Foi criada en galego e estudou na Granxa de Barreiros, no Colexio Fingoi de Lugo, entre os catro e os sete anos. En 1969 a familia mudouse a Vigo, por ser destinado o pai como mestre á escola de Moledo, en Sárdoma, hoxe CEIP Sárdoma-Moledo.

En 1976 ingresou no Instituto Castelao do barrio do Calvario pero facendo o COU abandonou os estudos, e comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, desde o seu nacemento en 1979, canda Xulián Maure Rivas e Roberto Pérez Pardo, primeiro como oficinista, despois en creación e investigación e de 1990 a 1996 como correctora de estilo e editora.

TRAXECTORIA. Dende 1980 publicou en xornais e revistas coma A Nosa Terra, Diario 16 de Galicia, Faro de Vigo, Jornal de Notícias do Porto, Dorna, Tintimán, Carel ou Katarsis, colaborou en publicacións coma Festa da Palabra Silenciada, Luzes de Galiza ou Boletín Galego de Literatura e formou parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de tradución.

Participou nun recital poético nun acto contra a entrada de España na OTAN en 1982; en 1988 inscribiuse en Greenpeace; en 2002 participou nun recital en solidariedade cos afectados polo desastre do Prestige no MARCO; noutro Contra a Burla Negra, organizado por Pepe Álvarez Cáccamo e máis ela en febreiro de 2003; ese mesmo mes e ao seguinte, leu declaracións en senllas manifestacións contra a Guerra de Iraq.

En 1986 ingresou na Asociación de Escritores en Lingua Galega. En 1991 rexistrou as letras para o grupo musical Desertores e retomou os seus estudos, iniciando Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo, licenciándose en 1996 pola Universidade de Santiago de Compostela, e iniciando a especialidade en galego-portugués. En 1996 Xela Arias publica Darío a diario, un libro de poemas dedicado ao seu fillo, que ofrece unha visión desidealizada e ao tempo fonda e entrañable da experiencia da maternidade.

No curso 1999-2000 comezou a exercer como profesora substituta de ensino secundario, de lingua e literatura castelá, nos institutos Terra de Xallas de Santa Comba, Paralaia de Moaña, Valle-Inclán de Pontevedra, Xelmirez II de Santiago de Compostela e Valadares II de Vigo. En anos seguintes foi docente en Chapela (Redondela), A Sangriña (A Guarda) e Álvaro Cunqueiro (Vigo).

A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.

TRADUTORA. Comezou o seu labor como tradutora na nosa lingua co libro Contos ó teléfono de Gianni Rodari (1920-1980), autor italiano e gañador do premio Hans Christian Anderse. Éste, era un texto realmente atractivo para a xuventude e, sobre todo, para unha escola que comezaba a recuperar o galego como lingua de ensino.

Tamén se animou co O bosque animado publicado en Edicións Xerais en 1987. O orixinal El bosque animado foi escrito por outro galego, Wenceslao Fernández Flores, en 1943. Xa no ano 1988 un equipo formado por Valentín Arias López, pai de Xela; Xela Arias, María Xosefa Senín Fernández, X. Antón Palacio e Xavier Senín publicou Don Quixote da Mancha, da tradución da obra de Miguel de Cervantes. Esta foi a primeira versión en galego completa e publicada.

En 1993, viu a luz a obra de James Fenimore Cooper, O derradeiro dos mohicanos, a cal foi galardoada en 1994 co premio Ramón Cabanillas.

No ano 2000, Xela foi quen de facer a traducción de Drácula, de Bram Stocker.

Máis tarde, no 2003, chegou As bruxas de Roald Dahl e da man de Xela e Lidia Iglesias.

Ademais, traduciu a moitos máis escritores como Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Jorge Amado, Juan Farias, James Joyce, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys.

EXPOSICIÓN. Inaugurouse en Sarria a exposición Xela Arias. A poesía do retrato, unha colección de fotografías realizadas por Xulio Gil xunto aos textos poéticos da autora. Os vinte paneis que forman a mostra, con retratos en branco e negro que dialogan con cadanseu texto, quedaron instalados en distintos puntos do centro urbano de Sarria, conformando un roteiro urbano pensado para socializar a poética da autora homenaxeada pola Letras Galegas.

Os paneis da mostra instaláronse  na Casa da Cultura, na Praza da Vila, na Escalinata Maior, no Paseo do Malecón, no Parque do Chanto, na Rúa Ánxel Fole , no Parque Castro Agrasar e na Capela de San Lázaro, na rúa que ven de tomar o nome da autora.

As fotografías e poemas preséntanse impresas en panel metálico de aluminio de 3 mm. encadradas sobre 10 macromarcos de aceiro galvanizado sobre peana de formigón, un formato concebido para espazos exteriores que permite achegar a voz poderosa da autora e a súa imaxe icónica ao gran público.

Sarria é o punto inicial dunha itinerancia que continuará en Lugo, do 21 de maio ao 21 de xuño; en Chantada, do 22 e xuño ao 8 de xullo; en Monforte, do 9 de xullo ao 2 de agosto; en Viveiro, do 3 ao 26 de agosto; e en Ribadeo, do 27 de agosto ao 27 de setembro.

MURAL. O Concello de Sarria vén de promover un mural da poetisa local Xela Arias, así, o artista Mon Devane está a decorar unha mediana dunha casa coa imaxe da autora que este ano honra o Día das Letras Galegas.

A imaxe escollida polo artista ourensán é unha das máis recoñecidas de Xela Arias, e foi o escollido polo Concello pola súa longa traxectoria en este tipo de murais como os realizados nas Estrellas del Camino, unha exposición de sete murais realizada ao longo de todo o Camiño Francés, en lugares como Triacastela, Sarria e Portomarín.

O mural loce na rúa Xela Arias, antiga rúa José Antonio, e pode verse no lateral dunha casa que se atopa preto da Casa da Cultura e dunha pequena zona de descanso, e ademais e moi visible por aqueles visitantes que entren na vila polo corredor.

ESCOLA INFANTIL. O novo nome da A Escola de Educación Infantil de Sarria pasou en abril a levar o nome da poetisa e profesora Xela Arias. A autora convertiuse no “eixe central” das actividades deste curso da escola na que se preparará un xardín de Xela Arias ou se realizarán debuxos sobre escritores, entre outras.