Skip to main content
BarreirosCultura AMARIÑAXA

Lucía Ferro, escritora barreirense: “Gústame ler un pouco de todo para ter unha visión máis ampla”

Por 28 Xaneiro, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

A escritora nada en Barreiros rematou neste 2023 ‘En Brandán’, a súa segunda novela, que define de xénero negro pero que se desenvolve nunha contorna que ben podería ser unha vila calquera da comarca. Libro a libro, Lucía Ferro comparte a súa visión inusual pero comprometida da sociedade. Cada nova novela trata de distanciarse das temáticas e formas das anteriores para sorprender aos lectores, pero mantendo unha solidariedade inusual coas persoas ás que non adoita adicar unha segunda ollada.

De onde vén o seu amor pola escritura?

Comecei escribindo para darlle escape ás miñas emocións. De pequena non me sentía escoitada nin me parecía seguro dicir o que pensaba así que atopei na escritura esa alternativa. Foi un método de supervivencia, para ser capaz de atravesar malos momentos, pois na miña infancia houbo moitos. Logo collinlle gusto a iso de xogar coas palabras e coa forma de contar as cousas e xa fun experimentando máis.

Cando comezou a escribir e que lle impulsou a escribir o seu primeiro libro?

Comecei moi pronto a escribir. Facía pequenos libretos xuntando varias follas de papel. Aínda atopei un fai pouco entre caixas vellas. Durante moito tempo pensei que era imposible que eu escribira un libro completo e que fose realmente entretido. Pero fai uns cinco anos, ao mudarme aos Países Baixos, tiven un pouco de tempo libre mentres aprendía neerlandés, e deixe unha oportunidade. Tiven que estudar un pouco o que é levar a cabo un proxecto así de longo mais dalgún xeito atopei as respostas porque ao final conseguino. Axudoume moito ter as ganas de comunicar unha mensaxe, neste caso a de destapar a industria farmacéutica, posto que cando un ten unha motivación allea a un mesmo o traballo resulta moito máis satisfactorio.

Cantas novelas leva?

En Brandán, é a segunda novela. A maiores teño un blog no que “vomito” os meus pensamentos ou denuncio inxustizas sociais que me parecen relevantes.

Estivo pola Mariña presentando ‘En Brandán’. De que trata? Como a acollen os veciños?

É unha libro curto no que coa escusa dunha novela policiaca trato temas moi interesantes como é a adicción e a súa relación cos traumas infantís. Nela hai personaxes moi reais, persoas que un adoita atopar nunha pequena vila e as cales non acostumamos a ver nas obras culturais máis comerciais.

“A min persoalmente gústame que a xente me diga a súa honesta opinión, sempre que o fagan con respecto, claro”

A xente está a desfrutala moito, por agora todo son boas críticas. Gústalles moito que aínda que trato temas moi serios, fágoo con humor e retranca. Dinme que en canto a collen non a poden soltar e máis de un queda coas ganas de lela unha segunda vez, pois ao final hai unha reviravolta que sorprende moito.

Valora os clubs de lectura como ferramentas divulgadoras da cultura?

Encántanme os clubs de lectura. De feito En Brandán é unha novela feita para xerar conversa entre os lectores. O meu obxectivo non é facer que a xente fale desas cousas que acostumamos a calar, pois do que non se fala non existe. Os traumas, as adiccións, as persoas maiores, as persoas sen teito… Hai moita xente na nosa sociedade que precisa dun recuncho nas nosas conversas.

Aféctanlle as críticas?

Como a calquera. Aféctanme para ben e para mal. A min persoalmente gústame que a xente me diga a súa honesta opinión, sempre que o fagan con respecto, claro. Pois é que é esta a única maneira que teño de coñecer verdadeiramente o resultado final do libro. A autora é a última persoa capaz de xulgar a obra ao completo, e por iso preciso apoiarme na experiencia dos lectores. Deles podo aprender tanto ou máis que doutro escritor.

Está traballando nunha nova novela? Podería adiantarnos un pouco de que trata?

Estou a traballar nun libro de relatos de diferentes xéneros. Este está en inglés, é un proxecto ao que me animaron uns amigos dos Países Baixos. Tamén teño ganas de facer unha colección de poemas que fun acumulando cos anos.

Que é o que lle inspira para escribir?

O que máis me inspira é a dor que sufrín e da que fun testemuña. Trato de empregar esas emocións dun xeito que sexa non só terapéutico para min, se non que tamén poida se útil para outros. Tamén me inspira moito a natureza, que nos regala os momentos moi fermosos cos detalles máis insignificantes. E cal, por certo, estamos a perder por explotala como se fose un recurso infinito.

Como é combinar a escritura coa actividade que desempeña laboralmente?

Pois agora mesmo estoume a dedicar integramente á escritura e a actividades relacionadas con ela. Cando a combinaba cun traballo no sector sanitario era moi complicado, posto que unha mente afogada de tratar con persoas e un corpo canso dunha xornada laboral non che permiten escribir moi ben. Era por iso que ás veces pasaba moitos días sen coller a pluma.

Pódese vivir de escribir novelas?

Eu espero que si. E sen non é de escribir novelas, polo menos da literatura. Se a nosa sociedade non o fai posible temos un problema grave, pois a cultura é a única menciña que hai para as enfermidades sociais. Dicía Borges que unha persoa que se senta en silencio a ler un libro está a salvar o mundo, pois non está a facer o mal. Se ese 1 % superrico da sociedade empeñado en quedarse con todo se sentase a ler máis novelas igual non habería tanta xente sufrindo para chegar a fin de mes.

Cal é o seu xénero preferido? E escritor?

Non teño un xénero preferido. Gústame ler un pouco de todo porque iso me permite ter unha visión máis ampla do mundo. A especialización pode facer que sexamos uns cracks nun ámbito concreto pero ao mesmo tempo fainos ser moi ignorantes en todos os demais. A diversidade é o que fortalece un ecosistema e eu trato a miña mente coma se fose un. Un día leo a Charlotte Bronte e outro a Yuval Harari. Dito isto, sempre me gusta mencionar a Blanco Amor porque o lin de cativa e me deixou marca.