Skip to main content
Vilalba

Mans Unidas celebra este sábado en Vilalba o seu festival solidario

Por 18 Abril, 2024Abril 23rd, 2024Sin comentarios

Este sábado, 20 de abril, ás 20:30 o auditorio municipal acollerá o festival solidario de Mans Unidas 2024 promovido pola delegación de Mondoñedo-Ferrol.

Trátase dun evento presentado por María Xosé Lamas, que contará coas actuacións da Banda de Música de Vilalba e a Asociación Cultural Mestura de Nete.

O prezo da entrada será de 5 euros que irán destinados aos proxectos nos que se atopa inmersa esta organización.

Neste momento, a delegación desenvolve o proxecto de Atención Materno Infantil e Apoio a Mulleres Vítimas da Violencia que busca sensibilizar sobre a situación das mulleres nos barrios marxinais de Sebka e El Mina (Mauritania), onde dúas de cada tres mulleres sufriron algún tipo de violencia.

Co aporte de Mans Unidas, 250 mulleres embarazadas e lactantes recibirán coidados de saúde materno infantil e hixiene para reducir a mortalidade neo e post natal.

20 profesionais da saúde mellorarán as súas competencias, atendendo ás nais e aos recen nacidos; así como a mulleres divorciadas e superviventes de violencia conxugal que recibirán apoio psicolóxico e asesoramento.

Estarán á venda algunhas entradas no despacho de billetes do auditorio a partir das 19:30 horas o día do evento. Tamén haberá, como todos os anos, unha urna na que se poidan depositar donativos.

O coletivo tamén quixo agradecer a súa atención ao Concello de Vilalba, Imprenta Junor, Unidade Pastoral de Vilalba, Allentum, Asociación cultural Banda de Música de Vilalba, Asociación cultural Mestura de Nete, á presentadora María Xosé Lamas, a todas as persoas que colaboran e aos medios de comunicación.