Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Margarita Ledo gaña o premio Luís Porteiro Garea, que recae por primeira vez nunha muller

Por 22 Xuño, 2023Sin comentarios

A profesora emérita da USC Margarita Ledo Andión converteuse na primeira muller en gañar o premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na Universidade de Santiago de Compostela. O xurado composto polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; as profesoras Marta Lopez Alonso, Rosa Crujeiras Casais e Rita Gradaílle Pernas, en representacións das comisións de normalización lingüística de Lugo, Santiago de Compostela e Claustro Universitario, respectivamente; e mais o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, decidiu outorgar o galardón por unanimidade á que fora catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade polo seu compromiso “incuestionable coa lingua galega” e que “atravesa de parte a parte a súa traxectoria vital e profesional”. A entrega do premio terá lugar o vindeiro 29 de setembro nun acto institucional que se desenvolverá no Paraninfo da USC.

“Como decana puxo en marcha unha Facultade de Ciencias da Comunicación que liderou dende os seus inicios ata a actualidade o primeiro posto en canto a horas de docencia en lingua galega, unha presenza que se mantén ano a ano por riba do noventa por cento”, subliñou o xurado. Ademais, Margarita Ledo ten dirixido máis dunha ducia de teses de doutoramento, a inmensa maioría delas en lingua galega e moitas relacionadas con cuestións relativas á cultura e lingua de Galicia. As súas liñas de traballo en investigación céntranse na produción e o acceso a bens culturais dende a diversidade, neste senso ten traballado en programas europeos para a subtitulación de obras audiovisuais en linguas non hexemónicas, e tamén as políticas de comunicación, así como as teorías feministas no eido da creación.

Traxectoria

Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) estudou xornalismo na Escola Oficial de Xornalismo de Barcelona entre 1969 e 1973. Durante os anos 1974 a 1976 foi lectora de galego na Universidade de Letras do Porto. Doutorouse en Ciencias da Información na Universitat Autónoma de Barcelona en 1986 e foi profesora da Facultade de Ciencias da Información da UAB de 1983 a 1991. Xa de volta en Galicia, puxo en marcha a actual Facultade de Ciencias da Comunicación, da que foi a súa primeira decana no período de 1992 a 1996.

Como xornalista, alén de traballar en El Ideal Gallego, fundou e dirixiu o semanario A Nosa Terra. Foi tamén a artífice da revista Escrita, da Asociación de Escritores en Lingua Galega; da revista galega feminista Festa da palabra silenciada e da publicación Europa de les nacions, do Moviment Nacionalitari Europeu.

Poesía, relatos, novela, ou ensaio integran tamén a traxectoria interdisciplinaria de Margarita Ledo que nas últimas décadas dedica gran parte da súa actividade á dirección cinematográfica pola que ten sido galardoada con múltiples premios como o Nacional de Cine e audiovisual, correspondente aos Premios Nacionais da Cultura Galega, outorgados pola Xunta de Galicia (2008); ou o Otero Pedrayo (2017) polo conxunto da súa dilatada traxectoria, converténdose novamente na primeira muller galardoada dende os inicios do premio en 1977. O mesmo aconteceu en 2020, cando a Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) lle rendeu tributo converténdoa na primeira muller, do ámbito estatal, en recibir o recoñecemento a toda unha vida de investigación en comunicación. Dende o ano 2008 é membro da Real Academia Galega.

Edicións anteriores

A través deste galardón, o nome de Margarita Ledo únese ao de figuras tan sobranceiras na defensa do idioma, dende diversas áreas de coñecemento, como é o caso dos profesores Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico, Antonio Rigueiro e Xosé Manuel Beiras, todos eles vencedores nas cinco edicións precedentes do certame.

O premio Luis Porteiro Garea leva o nome do profesor da cátedra de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que o día 16 de setembro de 1915 pronunciou a primeira lección en galego na Universidade de que se ten constancia. Con este premio quérese distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da USC (alumnado, persoal de administración e servizos ou persoal docente e investigador), que contribuíran á normalización da lingua galega no seo da institución.