Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Meteogalicia sinala que Galicia rexistrou un mes de xuño moi cálido e húmido

Por 8 Xullo, 2023Sin comentarios

Galicia rexistrou un mes de xuño moi cálido e moi húmido, segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia.

Este período caracterizouse por rexistrar numerosas situacións tormentosas que, sumadas á borrasca Óscar, que deixou un par de xornadas de precipitacións xeneralizadas e de bastante intensidade en algúns momentos, implicaron un exceso de chuvia para un mes de xuño. Ademais, durante esas xornadas as temperaturas non foron baixas, o que, xunto o importante episodio de calor vivir na segunda quincena, dá como resultado un mes moi cálido.

Así, a anomalía media da temperatura para este mes, obtida a partir dos datos rexistrados en 11 estacións meteorolóxicas representativas, foi de 2,1 graos, o que supón que fose o xuño máis cálido desde 2005.

Máis polo miúdo, o valor medio das temperaturas máximas foi de 23,8 graos, rexistrándose os valores máis altos nas ribeiras do Sil e no Miño ourensán, onde se chegaron a superar os 29 grados. Pola contra, os valores máis baixos déronse nas zonas máis altas da orografía galega, nas que roldaron os 15 graos. No caso das temperaturas mínimas, a media foi de 13,2 graos. Os valores máis baixos rexistráronse tamén nas contornas con máis altitude -7,6 graos- e os máis altos en practicamente todo o litoral, cunha media de 17,7 graos.

No que se refire ás precipitacións, a anomalía media, obtida en base aos rexistros de 16 estacións meteorolóxicas significativas, foi un 110% superior ao valor climático normal, polo que este mes se pode considerar moi húmido. Cómpre salientar que hai que remontarse ata o ano 1988 para atopar un xuño máis húmido.

Deste xeito, a precipitación media acumulada foi de 112 l/m2, aínda que non se rexistrou unha distribución uniforme en todo o territorio por mor do carácter convectivo das chuvias ao longo do mes. Houbo acumulados importantes en todas as provincias destacando a zona dos Ancares con case 250 l/m2. Pola contra, no extremo norte da Comunidade e na península do Barbanza rexistráronse pouco máis de 30 l/m2.