Skip to main content
Comarca LUGOXA

Montes e Vales fará un estudo para determinar o custo de recuperar as pallozas

Por 31 Marzo, 2021Abril 3rd, 2021Sin comentarios

A Asociación de Desenvolvemento rural Montes e Vales Orientais (ADR3) levará a cabo un estudo das pallozas da comarca da Montaña, co obxecto de determinar aquelas que poden ser recuperables e estimar o custo que tería a súa recuperación. Este é un dos proxectos que a asociación prevé desenvolver na convocatoria 2021-2022, e aos que destinarán unha cantidade total de 760.000 euros.

O 65% dese orzamento irá destinado a proxectos produtivos, e o outro 35% a iniciativas non produtivas impulsadas tanto por entidades públicas como privadas.

A xunta directiva de Montes e Vales acordou tamén, na reunión deste martes, crear unha rede de entidades locais colaboradoras para incentivar a mobilidade das terras e poñer en valor aquelas que están abandonadas. A rede estaría integrada por mulleres, gandeiros, comunidades de montes e cooperativas, entre outras entidades.

Entre os acordos acadados figuran ademais a continuación da promoción da mel da Montaña, axudando aos pequenos produtores a entrar no mercado online, ou a ampliación do número de empresas adheridas ao produto turístico Cociña de Ancares Terras de Burón.