Skip to main content
As Pontes

Morcegos de Galicia realizará un estudo sobre esta especie nas fragas de Endesa

Por 17 Abril, 2024Abril 18th, 2024Sin comentarios

Endesa anunciou que cederá á Asociación de Morcegos de Galicia tres estacións de control ambiental que deron servizo á súa central térmica das Pontes para convertelas en refuxio de morcegos, unha iniciativa que busca facilitar “a conservación e estudo” dos quirópteros na contorna. A eléctrica firmou un acordo coa asociacións para o aproveitamento das fragas que son propiedade desta.

O grupo enerxético explicou que esas infraestruturas serán acondicionadas para os seus novos usos no marco dun acordo que tamén contempla o “seguimento da colonización destas estacións”.

Pola súa banda, a entidade desenvolverá outras accións encamiñadas ao estudo da poboación de morcegos nos bosques próximos ao encoro da Ribeira, propiedade da compañía privada, e actividades de divulgación para difundir entre a cidadanía “a importancia que teñen estes mamíferos para o ecosistema”.

Xa se instalaron 30 caixas refuxio de morcegos no bosque de Lostegal grazas á colaboración de 23 integrantes da asociación ambiental local Carril da Veiga Verde.

Mentres, a Asociación Morcegos de Galicia prevé realizar “unha mostraxe acústica dos morcegos presentes na zona” con apoio de voluntarios e unha iniciativa de “captura e marcaxe de exemplares para a identificación dos refuxios naturais de especies forestais”.